Unha tese describe o transporte de humidade en grandes concas de ríos tropicais

Analiza o seu impacto en fenómenos como as secas
Por o 10/01/2019 | Sección: Galicia,Ourense
Unha tese describe o transporte de humidade en grandes concas de ríos tropicais

Analizar o rol da rama atmosférica do ciclo hidrolóxico na relación fonte-sumidoiro de humidade en grandes concas de ríos tropicais, concretamente nas concas dos ríos Congo e Níxer en África; os ríos Negro e Madeira na rexión amazónica de América do Sur, e Indus, Ganxes e Brahmaputra no sueste de Asia. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento do investigador posdoutoral do Grupo Ephyslab Rogert Sorí Gómez.

A tese, titulada Atmospheric moisture transport: the bridge between ocean evaporation and hydrological extremes in major tropical river basins estivo dirixida por Luis Gimeno e Raquel Olalla Nieto e foi presentada no campus de Ourense. O estudo centrouse no papel do transporte de humidade atmosférica como ponte entre a evaporación nos océanos e a terra e na precipitación e etapas posteriores no ciclo hidrolóxico en grandes concas fluviais tropicais afectadas por un réxime de clima monzónico. “Localizadas ao longo da rexión ecuatorial-tropical, a circulación atmosférica que controla o clima nas concas estudadas caracterízase por unha inversión estacional da dirección do vento debido ao quecemento asimétrico entre os continentes e os océanos”, comenta o meteorólogo cubano. Isto, engade, provoca un réxime de clima monzónico que se identifica por intensas choivas durante a estación chuviosa con respecto ás precipitacións durante esta estación sobre outras concas de ríos localizadas ao longo das mesmas latitudes.

“A investigación realizada resulta útil para comprender mellor o ciclo hidrolóxico e esencialmente para diagnosticar as causas das secas”, detalla Sorí Gómez. O estudo da rama atmosférica do ciclo hidrolóxico, comenta o investigador da Universidade de Vigo, permite identificar a orixe da humidade que contribúe á precipitación sobre unha determinada rexión. “A identificación de rexións fontes de humidade constitúe un reto para as ciencias atmosféricas e un paso inicial para comprender mellor a variabilidade da precipitación e a ocorrencia de eventos extremos como secas e inundacións”, explica sobre a relevancia do estudo realizado.

Sobre a metodoloxía empregada na investigación, o seu autor sinala que se empregou o modelo de transporte lagrangiano Flexpart v9.0 para rastrexar no tempo as masas de aire sobre as concas en estudo. As condicións húmidas e/ou secas determináronse mediante o Índice Estandarizado de Precipitación-Evapotranspiración. “Unha vez obtidas as condicións secas e/ou húmidas nas concas, determináronse as anomalías na contribución de humidade desde as fontes co fin de determinar a rexión ou rexións cuxa diminución na contribución de humidade estivo asociada ao déficit de precipitacións sobre a conca”, comenta Rogert Sorí.

A reciclaxe de humidade

Os resultados obtidos, detalla o investigador do campus de Ourense, “indicaron que a ganancia de humidade por masas de aire rastrexadas cara atrás no tempo desde cada conca prodúcese fundamentalmente nos días un e dous anteriores e especialmente sobre as propias concas”. Este resultado, matiza, “está en consonancia con múltiples estudos que describen a importancia dos procesos de reciclaxe de humidade nas rexións húmidas tropicais”. A identificación das fontes realizouse para cada conca seleccionada a escala anual ou estacional tendo en conta o ciclo anual da precipitación en cada unha delas. Deste modo, a tese recolle unha detalla descrición das fontes fundamentais, tanto oceánicas como terrestres, das concas analizadas. Así, por exemplo, a do río Negro no norte da conca Amazonas, recolle a tese, recibe humidade desde o océano Atlántico tropical ao norte e sur do Ecuador e desde o continente recibe humidade desde a propia conca, o resto da conca do Amazonas e o nordeste da conca.

Segundo explica o meteorólogo, as masas de aire sobre as fontes identificadas rastrexáronse cara diante no tempo para calcular finalmente as perdas de humidade sobre cada conca. “Os valores obtidos amosaron elevados valores de correlación coa precipitación sobre as concas. Unha cuantificación da contribución de humidade das fontes e as propias concas revelou que xeralmente esta está vinculada á distancia de transporte”, detalla o investigador cubano. No caso particular do Congo, comenta Rogert Sorí, máis do 50% do total da contribución de humidade que recibe a conca provén de si mesma; destacando a importancia da reciclaxe de humidade nesta zona do centro ecuatorial de África. “No resto das concas e de acordo ás referencias consultadas confirmouse o importante papel da reciclaxe de humidade nas rexións ecuatoriais tropicais”, engade. Os resultados tamén revelaron as escalas características concluíntes do transporte de humidade atmosférica asociadas á circulación dos monzóns de verán en América do Sur, o oeste de África e o sueste asiático.

Secas

A tese, presentada este curso académico, tamén identifica detalladamente as condicións secas e húmidas nas concas seleccionadas. Así, por exemplo, na do Congo estudáronse os anos afectados por condicións severamente e extremadamente secas para investigar a contribución de humidade desde as fontes, concretamente o período 1980-2010 e os anos 1982, 1995 e 1996. “O papel das fontes que proporcionaron humidade durante anos con condicións severa e extremadamente secas e húmidas confirmou o papel clave da conca do Congo na modulación do balance hidrolóxico sobre si mesma”, apunta por último Rogert Sorí.

Comentar noticia

Your email address will not be published.