Unha tese estuda a relación da EPOC e o Enfisema co cancro de pulmón

A investigación dunha pneumóloga do CHUVI achega información para o diagnóstico precoz e a terapia máis adecuada para cada paciente
Por o 02/08/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia
Unha tese estuda a relación da EPOC e o Enfisema co cancro de pulmón
Compartir en:

A tese doutoral dunha pneumóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) estuda si os pacientes con EPOC ou enfisema teñen máis risco de desenvolver un cancro de pulmón e máis se son fumadores.

O traballo de investigación foi presentado pola doutora Cecilia Mouronte, do servizo de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, titorizado polos doutores Alberto Fernández Villar (xefe de servizo de Pneumoloxía do CHUVI), Virginia Leiro Fernández (pneumóloga do CHUVI) e Alberto Ruano Raviña (profesor da USC). A doutora Mouronte leu a tese na facultade de Medicina de Santiago de Compostela, obtendo unha cualificación de sobresaliente CumLaude.

O traballo da doutora Mouronte pretende encher o baleiro de información que hai actualmente sobre a materia. O mal prognóstico do cancro de pulmón, a súa elevada prevalencia entre pacientes con EPOC e a evidencia que postula á EPOC como un factor de risco para o desenvolvemento deste tipo de cancro, fan necesario elaborar estratexias con utilidade na detección precoz en pacientes con EPOC e/ou enfisema. “Por todo iso, resulta clave coñecer mellor a interacción entre o cancro de pulmón e a EPOC, e tamén establecer se existe algunha relación entre o tipo de enfisema pulmonar e o desenvolvemento de tumores no pulmón do paciente”, explica Cecilia Mouronte.

Nos últimos anos publicáronse numerosos estudos que parecen mostrar a existencia dunha relación entre o cancro de pulmón, a EPOC e o enfisema. Con todo, non existe información que poida axudar a elixir a terapia máis adecuada e o seu prognóstico. Tampouco hai estudos sobre a posibilidade dunha relación entre distintos tipos de enfisema e a existencia de cancro. Do mesmo xeito, existe escasa evidencia sobre o papel que representan algúns marcadores en sangue, que poderían servir como ferramentas de diagnóstico precoz, de posible cribado do tumor pulmonar, de determinación da súa gravidade, de avaliación de resposta terapéutica e/ou de toma de decisións diagnósticas e terapéuticas no subgrupo de pacientes cunha EPOC de base. Desa falta de información xurdiu a idea da realización do proxecto de investigación, e para iso realizáronse estudos específicos.

Case 1.000 pacientes

O primeiro estudo consistiu en repasar e actualizar os datos existentes e comprobouse que tanto a EPOC como o enfisema incrementan o risco de desenvolver cancro de pulmón, con maior probabilidade en fumadores e crecendo a medida que aumenta o consumo de tabaco.

Con todo iso a autora e os seus colaboradores do servizo (achegaron datos varios membros do servizo de Pneumoloxía) iniciaron a fase de investigación, na que se incluíron 969 pacientes. No segundo dos estudos de documentación participou tamén o Complexo Hospitalario de Ourense, que achegou os datos de que dispoñía, permitindo establecer que a EPOC é unha entidade igual de infradiagnosticada entre pacientes con cancro de pulmón que entre a poboación xeral.

Posteriormente, e nun traballo no que participou o Servizo de Radioloxía do CHUVI, estudaron os distintos tipos de enfisema pulmonar nos enfermos con esta patoloxía, que arroxou a conclusión de que o enfisema paraseptal en pacientes con EPOC é máis frecuente entre os enfermos que ademais presentan cancro de pulmón.

Ademais, abordáronse os niveis de distintos biomarcadores no sangue neste tipo de pacientes, investigación na que participou tamén o servizo de Análises Clínicas. E comprobouse a existencia de tres deses marcadores (niveles elevados de alfa-1 antitripsina, neutrófilos e diminuídos de colesterol) que asócianse cunha maior probabilidade de presentar cancro de pulmón en pacientes con EPOC.

De feito, dos 969 pacientes que participaron na investigación foron diagnosticados 588 con EPOC e cancro de pulmón, 500 a través da vía rápida que o servizo de Pneumoloxía do CHUVI ten para estes casos e os outros 88 en Ourense.

Máis investigación

Os resultados mostrados nos traballos da tese forman parte dun proxecto multicéntrico nacional, incluído no Programa Integrado de Investigación de Oncoloxía Torácica da Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria (SEPAR).

“Cos resultados obtidos sobre o enfisema paraseptal e os biomarcadores sanguíneos debería continuar o proxecto de investigación a nivel nacional”, subliña a doutora Mouronte, que aclara: “Os futuros estudos deseñaranse para validar os nosos resultados, co obxectivo de dispoñer dunha escala combinada de parámetros clínicos, exposicións de risco, función pulmonar, tipo de enfisema e marcadores en sangue que permita seleccionar a aqueles pacientes con EPOC susceptibles de entrar en estratexias de cribado de cancro de pulmón. Como obxectivo secundario preténdese
modificar as escalas de predición de malignidade no estudo de nódulos pulmonares e outras lesións sospeitosas de cancro en pacientes con EPOC”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.