Unha tese estuda as terapias biolóxicas en pacientes con enfermidades reumatolóxicas

Só un 10% esquecen ou abandonan o tratamento, ao contrario que noutras enfermidades crónicas
Por o 21/05/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Unha tese estuda as terapias biolóxicas en pacientes con enfermidades reumatolóxicas

Noemí Martínez López de Castro, farmacéutica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, CHUVI, analiza na súa tese de doutoramento o perfil dos pacientes con enfermidades reumatolóxicas sometidos a terapias biolóxicas e faino tanto dende a práctica clínica habitual como a través das redes sociais. O estudo foi desenvolvido no ámbito da área sanitaria de Vigo e inclúe unha análise retrospectiva de oito anos dos pacientes con artropatías  inflamatorias crónicas (artrite reumatoide, artrite  psoriásica e  espondilite  anquilosante) en tratamento con terapias biolóxicas. O obxectivo desta tese é, como recoñece a autora, mellorar o coñecemento sobre o perfil dos pacientes con estas enfermidades e sobre distintos aspectos destes tratamentos (adherencia/persistencia, seguridade, custos, etc.) e tamén coñecer mellor a vivencia (inquietudes, necesidades e cuestións) que os pacientes con estas enfermidades teñen sobre a súa enfermidade e os seus tratamentos, tanto na súa vida cotiá como en Google e Twitter.

Martínez López de Castro realizou a súa investigación dentro do programa de doutoramento Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida, baixo a dirección do doutor José María Pego a catedrática da Universidade de Vigo África González. O traballo, que contou co apoio da Unidade de Estatística da  EOXI de Vigo, desenvolveuse no contexto do Grupo de Investigación Iridis (Investigation  in  Rheumatology  and  Immune-Mediated Diseases) pertencente ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, formado por un grupo de profesionais, principalmente reumatólogos, farmacéuticos e epidemiólogos, que conxuntamente desenvolven investigación na área das enfermidades  autoinmunes.

Abandono do tratamentos

Segundo os datos que se recollen no estudo, na área sanitaria de Vigo aproximadamente a metade das terapias biolóxicas empregadas para as artropatías inflamatorias crónicas foron utilizadas para tratar a artrite reumatoide. Estes pacientes caracterízanse porque, fronte aos de espondilite anquilosante ou artrite psoriásica, eran de maior idade, fumaban menos e presentaban un maior número de  comorbilidades. Ademais, os pacientes con artrite reumatoide cambiaron máis frecuentemente de tratamento biolóxico e a duración media das liñas de tratamento foi mais corta que a dos pacientes con artrite psoriásica e espondilite anquilosante.

Ao contrario que noutras enfermidades como a hipertensión arterial ou a  hipercolesterolemia, os pacientes con estas enfermidades non parecen ter problemas en canto ao cumprimento do seu tratamento e soamente un 10% deles esquécense deles ou os abandonan. “Investigouse cales eran as causas polas que pacientes con  artropatías  inflamatorias crónicas finalizaban as terapias biolóxicas e viuse que a falta de efectividade foi a causa máis frecuente de finalización. Os efectos adversos son a segunda causa máis frecuente de fin das terapias biolóxicas”, explica a autora da tese, que engade que “aínda que a incidencia destes efectos adversos é duns 57 por cada 100 pacientes tratados nun ano, soamente un 5% destes efectos adversos foron considerados graves, e ocorrían con maior probabilidade en pacientes que tiñan outras enfermidades de forma  concomitante”.

Custos dos tratamentos

Os custos asociados co tratamento con estas terapias biolóxicas e coa atención a estes pacientes durante este tempo foi aproximadamente duns 14 millóns de euros, representando o custo das terapias biolóxicas o 85% desa cifra. Cando se avaliaron os aspectos que se asociaban a un menor custo, os investigadores detectaron que aqueles pacientes con terapias biolóxicas de auto-administración en domicilio, que tiñan pautas con “dosificación reducida” e aqueles con terapias biolóxicas do grupo dos anti-factor de  necrose  tumoral-alfa, asociábanse a un menor custo para o sistema sanitario.

Internet e redes sociais

Na segunda parte do proxecto realizouse unha exploración en Google e Twitter sobre cales eran os aspectos máis solicitados en relación con estas enfermidades reumatolóxicas e as súas terapias biolóxicas. Na análise do contido de Google e Twitter observouse que as principais áreas de interese sobre estas enfermidades estaban relacionadas coas terapias alternativas, a nutrición e o exercicio. Ademais, con respecto ás terapias biolóxicas detectouse que o aspecto que máis preocupaba aos pacientes era a seguridade, especialmente os “efectos adversos relacionados coa administración”, “a infusión do fármaco” e a “auto-administración”.

“Á vista destes resultados considérase que debería realizarse unha maior información desde a consulta médica, de enfermaría ou farmacéutica sobre os citados temas”, subliña  Noemí Martínez López de Castro, do servizo de Farmacia Hospitalaria do CHUVI.

Comentar noticia

Your email address will not be published.