Unha trintena de mozos e mozas de Tomiño procuran ideas para innovar e emprender

Hoxe comezaron as xornadas de emprego destinadas á mocidade. Xente reimaxinando xunta o territorio, analizando as tendencias do mundo rural para inspirarse e crear ideas de proxectos.
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Galicia,Tomiño

Unha trintena de mozos e mozas de Tomiño procuran ideas para innovar e emprender

Máis de 30 persoas, a maioría novas, comezaron hoxe as “XORNADAS DE EMPREGO E INNOVACIÓN COLABORATIVA”, organizadas polo Concello de Tomiño a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

A actividade, que se estenderá até o vindeiro venres, foi presentada pola técnica municipal Elisabet Pérez de Santiago, quen deu paso aos formadores, Laura Gutiérrez e Ángel Álvarez, da axencia Brain-Co (Brain Connectors), axencia especializada en economía colaborativa.

Segundo explicaron as persoas formadoras, a metodoloxía da actividade será eminentemente práctica e de traballo en equipo, dúas bazas que, sumadas á autenticidade das ideas e a motivación persoal, axudarán ás participantes a redondear os seus proxectos e planificar a posta en marcha dos mesmos.

Estas xornadas, de balde, están destinadas á mocidade de Tomiño e Vila Nova de Cerveira en particular. Destinadas a persoas que desexen ser axentes activos no terriotrio a través de proxectos emprendedores, sociais e/ou culturais, persoas que procuren novas oportunidades para os retos locais, xente emprendedora que desexe repensar o seu negocio, persoas empregadas que precisen adquirir capacidades para afrontar os novos retos do mercado laboral ou desempregadas que necesiten reciclarse.

“A idea é a de conectar ideas e persoas, na procura de solucións innovadoras para desenvolver marcas, produtos, servizos ou ferramentas relevantes para o crecemento dun negocio asociado ao mundo rural, a través da innovación e a creatividade”, explicou Ángel Álvarez, dando exemplos prácticos e consellos relevantes á hora de decidir que facer no campo laboral.

Até o vindeiro venres, as persoas participantes, traballarán en diferentes módulos (análise das tendencias no mundo rural; novas formas de relación e colaboración entre empresas; espazos de traballo colaborativos; innovación centrada nas persoas; novos modelos de financiamento alternativo; novas ferramentas na busca de emprego, e unha sesión entre empresas e persoas desempregadas, co obxectivo de formar unha bolsa de emprego).