Unha versión actual de Alicia no País das Marabillas, na programación de teatro para escolares de Afundación

Esta obra sairá a escena todos os días da vindeira semana, ás 10.00 e ás 12.00 h, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 24/01/2020 na sección de Galicia,Vigo

Unha versión actual de Alicia no País das Marabillas, na programación de teatro para escolares de Afundación

Continúa a programación de teatro para escolares de Afundación, a Obra Social de ABANCA, nesta ocasión coa representación da obra Unboxing Alice, unha versión actualizada do clásico de Lewis Carroll Alicia no País das Marabillas interpretada en inglés. As funcións serán o luns 27, martes 28, mércores 29, xoves 30 e venres 31 de xaneiro, ás 10.00 e ás 12.00 h, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo.

Máis de 4300 alumnas e alumnos de 65 centros escolares de Vigo e arredores acudirán a esta representación cuxo desenvolvemento se articula a través da participación dos espectadores. Alicia volverá a visitar o País das Marabillas despois de moito tempo, e Tweedledee e Tweeledum guiarana, xunto cos asistentes, a través desta fantástica e disparatada viaxe. Para iso asimilarán os novos métodos de comunicación, como os vídeos de unboxing realizados polos youtubers, facendo desta obra unha experiencia práctica e divertida para asimilar novos coñecementos e aprender a expresárense en inglés.

EDUCACIÓN EN VALORES

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto global de educación en valores de Afundación. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para perseverar na consecución da súa autonomía persoal.

A propostas da Área Educativa de Afundación, nas que participan anualmente máis de 136.000 escolares, abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.