Unha vintena de persoas pedimos explicacións en Benestar Social polos atrasos na concesión do “cheque social”

Publicado por o día 23/10/2015 na sección de ODS Coia,Social

Unha vintena de persoas pedimos explicacións en Benestar Social polos atrasos na concesión do “cheque social”

Ás 10:30 desta mañá, un grupo de 20 compañeiras decidimos presentarnos, sen previa cita, nas dependencias do Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo, co fin de coñecer as razóns da falla de resolución do chamado “Cheque Social” e esixir o seu inmediato pagamento.

Estas axudas extraordinarias están dedicadas a sufragar necesidades tan básicas como a alimentación, os subministros básicos e vivenda, e, a día de hoxe, atópanse sen resolver, infrinxindo o prazo máximo de resolución que o propio Concello fixou e que rematou o pasado 9 de setembro.

Ningunha das nosas solicitudes de información sobre as causas dos atrasos na concesión, sobre a data prevista para a resolución, ou sobre outros aspectos relacionados coas axudas de emerxencia municipais tivo contestación algunha por parte do Departamento de Benestar Social. Un exemplo: malia pedir de palabra e por escrito os datos  das Axudas de Emerxencia Municipal (nº de solicitudes, nº denegacións, motivos de denegación, nº de axudas por conceptos, etc.) de anos anteriores a resposta é que “eses datos os ten a concelleira”.

Por iso, decidimos esixir as respostas en persoa e sen intermediarios aos responsables de dita concellería.

Así o grupiño, entre as que había moitas solicitantes do “cheque social”, subimos “escoltadas” por 4 axentes da Policía Local, e mantivemos unha entrevista co Xefe de Servizo, xa que a Concelleira non se atopaba alí.

Unha vez máis, ante as nosas demandas, ante os relatos da precariedade que provocan nas nosas vidas os continuos atrasos e a restritividade e miseria das axudas, ante a denuncia da infracción das bases, en fin, ante a denuncia desesperada das que padecemos a burocracia e as consecuencias perversas deste sistema asistencialista e arbitrario, o xefe do departamento non ten máis resposta ou solución que encollerse de hombreiros e dicir que “fan o que poden”.

Nin tan sequera se molesta en negar o caos e a ineficacia do departamento que dirixe.

Coma outras veces, tras a reunión volvemos ás nosas casas sen solución algunha, sen información e coa neveira baleira.

Volveremos en poucos días a falar directamente coa concelleira Isaura Abelairas, con fin de non cesar no noso empeño de que se enfronten persoalmente ás nosas necesidades, que se poña cara e corpo aos despexos, á desnutrición, aos cortes de luz, e berrar, todas xuntas, BASTA XA!

Contra a esmola, xustiza.
Contra a burocracia, transparencia.
Contra o maltrato, dignidade.
Polo dereito a vivir con dignidade.

PRENSA ODS COIA