Unha xornada analiza as posibilidades que ofrece o implante coclear para nenas e nenos xordos

Abordando a perspectiva médica, lingüística, psicolóxica e educativa
Publicado por o día 21/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha xornada analiza as posibilidades que ofrece o implante coclear para nenas e nenos xordos

A perda de audición, sobre todo na infancia é determinante para a adquisición da linguaxe oral e condiciona o desenvolvemento psicolóxico e social, afectando á relación cos demais e coa contorna e provocando en moitos casos un illamento a longo prazo. Os implantes cocleares son unha alternativa para cambiar esa realidade, aínda que non son aplicables a todos os tipos e graos de xordeira. Sobre o seu uso e os seu impacto na vida das persoas xordas, principalmente en nenos e nenas, xirou este xoves unha xornada que se celebrou na Facultade de Filoloxía e Tradución.

O coloquio, organizado polo grupo de investigación Griles e o Mestrado Interuniversitario de Lingüística Aplicada, tiña como obxectivo o intercambio experiencias e coñecemento relacionado co implante coclear en poboación pediátrica desde múltiples perspectivas. Así, na xornada participaron representantes do eido clínico, educativo, comunicativo e social. Especialistas, explican dende a organización, “que interveñen en diferentes fases do proceso de implantación, dende profesionais da otocirurxía, logopedia, educación, atención á alumnado con discapacidade auditiva e lingüística”.

Explica a profesora Inmaculada Báez, ata agora coordinadora do Mestrado Interuniversitario de Lingüística Aplicada, que ademais de propiciar o intercambio de coñecemento, tamén se busca “obter unha visión máis global e integradora do heteroxéneo contexto que caracteriza aos nenos e nenas con implante coclear e mailas súas familias”.

Neste sentido, remarcou que as achegas da tecnoloxía, como é o caso do implante coclear, produciron un cambio substancial nos estudos da lingüística das linguas visto-xestuais, xa que grazas a estes implantes e á análise da actividade cerebral “temos a opción de coñecer mellor como funciona o cerebro sen empregar técnicas invasivas”. Estas investigacións fan, engade, “que a lingüística teña un papel fundamental son só no eido da comunicación e das humanidades, senón tamén no eido social”.

Perspectiva médica

O primeiro dos achegamentos ao implante coclear da xornada foi dente o punto de vista médico, da man de Ana Isabel Lorenzo, doutora especialista en Otorrinolaringoloxía e Cirurxía de cabeza e pescozo. Explicou que se trata dun dispositivo electrónico, que se acopla mediante unha cirurxía, e que permite transmitir á cóclea os sinais eléctricos e desencadear así unha sensación sonora. Non obstante, a especialista remarcou que esta é unha alternativa que non se pode aplicar en todos os casos de perda de audición, senón “unicamente nas hipoacusias neurosensoriais severas e profundas, aquelas que afectan á cóclea, pero nas que o nervio auditivo son sufre afeccións”.

Na actualidade é xa unha práctica habitual, que en Galicia se realiza en tres centros hospitalarios, un deles o Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que traballa Lorenzo, que sinalou que é unha intervención que se realiza tanto a adultos como a menores, pero puxo de relevo a importancia da diagnose precoz e do programa de cribado neonatal. E é que existe unha diferencia entre as persoas que perden a audición despois da adquisición da linguaxe e os nenos e nenas que a perden antes. Para este último caso é imprescindible realizar o implante antes dos 5 ou 6 anos, que é cando remata o período de maduración da área cerebral que se encarga da adquisición da linguaxe. Se esa parte do cerebro non recibe estímulos durante esa etapa, o paciente non vai poder desenvolver nunca a linguaxe, terminando por converterse en xordo-mudo.

No caso dos menores que perden a audición, pero tras recibir estímulos na vía auditiva, aínda que fose durante un tempo, a doutora explicaba que “van poder adquirira a linguaxe, pero cómpre seguir estimulando a codia cerebral e realizar o implante”, aínda que se un límite de tempo crítico. Se a audición se perde despois dos 5-6 anos, cando xa se adquiriu completamente a linguaxe, o implante pode facerse en calquera momento da vida.

Na súa intervención, Lorenzo tamén se referiu ao impacto que a perda da audición ten nas persoas xordas, con grandes dificultades para comunicarse coa contorna falante, illamento e problemas laborais que se reflicten nun maior índice de desemprego. “A lingua de signos axuda, pero reduce a interacción a un ámbito próximo de persoas que coñezan este idioma”. Por iso, puxo en valor as posibilidades que ofrece o implante coclear, xa que “varios estudos teñen demostrado que un implante temperá consegue resultados audiolóxicos e no desenvolvemento da linguaxe similares aos da poboación oínte”.

Fernando Ramallo, novo coordinador do Mestrado Interuniversitario de Lingüística Aplicada

Este acto foi o último no que interveu a profesora Inmaculada Báez como directora do Mestrado Interuniversitario de Lingüística Aplicada, do que estaba ao fronte dende que este botou a andar. A partir de agora será o profesor Fernando Ramallo, director tamén da Área de Normalización Lingüística, o que se faga cargo da coordinación da titulación.

Na súa despedida do mestrado, no que seguirá como docente, Inmaculada Báez recoñeceu que esta etapa lle supuxo moitas satisfaccións e “agardo que siga dándomas e que siga formando moitas máis persoas en eidos tan importantes para a sociedade como a lingüística aplicada, en concreto sobre a lingüística das linguas viso-xestuais”, concluía.