Unha xornada analiza o papel das cooperativas de consumo

Destacaron a natureza participativa, voluntaria, participativa e independente destas sociedades
Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

Unha xornada analiza o papel das cooperativas de consumo

En Galicia existen arredor de 1400 cooperativas de diferentes tipos: de traballo, de consumo, de servizos, de vivenda, agrícolas, de aforro e crédito, etc. Pero todas elas se rexen por unha serie de principios comúns que as diferencian doutro tipo de empresas e organizacións. Sobre as súas características, funcións e vantaxes versou este mércores unha xornada organizada pola Área de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Ao longo da mañá expertos en cooperativas e representantes de Consumo Consciente Árbore e de Fiare Banca Ética repasaron os seus principios básicos, o seu funcionamento, obxectivos, etc.

O secretario do centro, Ángel Aday Jiménez e o coordinador do programa, Francisco Torres, foron os encargados de inaugurar a xornada, que arrancou coa intervención de Deolinda Aparicio Meira, profesora do Instituto Superior de Contabilidade e Administração do Porto. Estreitamente ligada á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a docente lusa é experta en cooperativas de consumo que, segundo explicou son aquelas que se circunscriben ao consumo persoal e teñen por obxecto fornecer aos seus membros, nas mellores condicións de calidade e prezo, bens ou servizos destinados ao consumo ou uso directo. Destacaba Meira que as cooperativas de consumo están formadas por persoas que “queren cooperar entre si e consumir conxuntamente”, para o que se constitúen como unha persoa colectiva, o que permite un consumo no que se elimina o lucro dos intermediarios durante un período prolongado de tempo. Esta opción fai posible obter condicións favorables de prezo e a calidade dos produtos e, neste sentido, fixo fincapé no fin mutualista deste tipo de organizacións, é dicir, que carecen de fin lucrativo propio, son puramente instrumentais. “Os cooperadores asumen as obrigas de participar na actividade cooperativa”, que se resumen en s”ete principios universais”, que foi repasando. Primeiramente referiuse á adhesión voluntaria e libre dos seus membros, “o concepto de porta aberta”, tanto para adherirse á cooperativa como para deixala, o que ten como consecuencia a variabilidade da estrutura societaria e do capital social. Un segundo principio baséase na xestión democrática da sociedade por parte dos seus membros e un terceiro fai fincapé na participación económica dos cooperativistas. A autonomía e a independencia caracterizan tamén ás sociedades cooperativas, así como a educación, formación e información, lista que se completa coa intercooperación e o interese pola comunidade. Martín explicou que estes principios cooperativos son normas obrigatorias e que, no caso de non cumprirse, as cooperativas perderían a súa esencia. Neste sentido lembrou que en Portugal existe un organismo que pode determinar a desmutualización dunha sociedade cooperativa se esta non cumpre os principios cooperativos básicos. Aínda que admitiu non coñecer ningún exemplo deste tipo actuación para as desmutualización, si recoñece que existe unha “excesiva liberalización da lexislación cooperativa”, que provoca que moitas cooperativas non actúan como tal.

Os exemplos de Árbore e Fiare

A segunda parte da xornada consistiu nunha mesa redonda na que participaron Manolo González Garrido, socio fundador e expresidente de Consumo Consciente Ábore SCG e Manuel Adame, vicecoordinador do GIT Galiza Sur-Fiare Banca Ética. Con formato de debate e xunto co alumando da materia Sociedades e cooperativas do grao en Relación Laborais, explicaron o funcionamento de ambas entidades. A primeira delas é un proxecto empresarial galego que ten como causa social a asociación de consumidores coa finalidade de adquirir produtos ecolóxicos coa mellor relación calidade-prezo, coma parte dun proxecto socio-económico enmarcado nos principios dunha economía social e solidaria. Pola súa banda, Fiare é unha entidade bancaria ao servizo da transformación social a través do financiamento de proxectos da economía social e solidaria e a promoción dunha cultura da intermediación financeira, baixo os principios de transparencia, participación, democracia e crédito como dereito.