Unha xornada analiza o Protocolo de Nagoya e a regulación do uso e intercambio de recursos xenéticos

Co obxectivo de familiarizar o persoal investigador coa aplicación do acordo, asinado por 92 países
Publicado por o día 14/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha xornada analiza o Protocolo de Nagoya e a regulación do uso e intercambio de recursos xenéticos

O Protocolo de Nagoya persegue unha participación xusta e equitativa nos beneficios que se deriven da utilización de recursos xenéticos. A súa implementación e a lexislación que ten asociada é complexa e implica unha elevada carga administrativa coa que o persoal investigador non adoita estar familiarizado. Para achegarlles as claves da súa aplicación, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), coordinador do proxecto European Blue Biobank (EBB), organizou este venres, en colaboración coa Fundación Cetmar, unha xornada técnica para dar a coñecer as obrigas existentes para acceder e utilizar recursos xenéticos que derivan deste protocolo e da súa normativa.

A xornada celebrouse no Cetmar co aforo completo e centrouse na aplicación do Protocolo de Nagoya no eido mariño. A finalidade era informar ás e aos asistentes sobre as obrigas e requisitos establecidos na lexislación, así como presentar e analizar exemplos de uso comercial e non comercial de recursos mariños no ámbito do protocolo. Ademais, nesta cita tamén se presentou a Guía de boas prácticas para o acceso a recursos xenéticos, desenvolvida no marco do proxecto EBB. Na sesión participaron, entre outros, Noelia Vallejo, punto focal nacional español para o Protocolo de Nagoya do Ministerio para a Transición Ecológica; Alejandro Lago, responsable do proxecto UNDP-GEF ABS Global e  Fiz da Costa, investigador do CIM-UVigo e responsable do proxecto EBB.

Maior transparencia e seguridade xurídica

O Protocolo de Nagoya, en liña coas directrices do Convenio sobre Diversidade Biolóxica, ten como obxectivo fundamental compartir os beneficios derivados da utilización dos recursos xenéticos dun xeito xusto e equitativo, tendo en conta todos os dereitos sobre estes recursos e tecnoloxías, para contribuír así á conservación da diversidade biolóxica e á utilización sostible dos seus compoñentes.

Os países asinantes deste acordo comprométense a establecer medidas para asegurar que o acceso aos recursos xenéticos empregados na súa xurisdición sexa “de conformidade co marco nacional do país provedor, comprometéndose así a loitar contra a biopiratería”, como explica o propio Ministerio de Transición Ecológica. Para facelo posible, os 92 países adherido comprométense a establecer puntos de control e esixir ás persoas usuarias de recursos xenéticos que acheguen información sobre os mesmos, principalmente a través do certificado de cumprimento, en caso de existir. “Isto redundará nunha maior transparencia nos sectores que empregan recursos xenéticos e nunha máis fluída e constante transferencia de beneficios aos países provedores, contribuíndo así á conservación da diversidade biolóxica, a utilización sostible dos seus compoñentes e a redución da pobreza”, sostén no ministerio.

Na práctica, estas directrices tradúcense en que os posibles usuarios e usuarias de recursos xenéticos deben obter o consentimento fundamentado previo do país no que se atopa o recurso e negociar e acordar os termos e condicións de acceso e utilización. Así, o protocolo ofrece un marco de maior seguridade xurídica e transparencia tanto aos provedores como aos usuarios de recursos xenéticos e axuda a garantir a participación nos beneficios así como a xerar avances no eido da I+D da conservación e utilización sostible dos recursos xenéticos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.