Unha xornada internacional e multidisciplinar afonda na orde xurídica do mercado

Coa participación de docentes e investigadores de Brasil, Italia e España
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha xornada internacional e multidisciplinar afonda na orde xurídica do mercado

Co obxectivo de que o alumnado do programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado “coñeza que existen outras actividades noutros países, outras formas de investigar e de traballar organizamos esta xornada denominada Ordem jurídica do mercado”, explica María José Bravo Bosch, docente e investigadora do Departamento de Dereito Privado e directora da xornada internacional, que este mediodía rematou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Docentes e investigadoras e investigadores procedente de Brasil, Italia e España participaron este xoves e venres nas xornadas ás que asistiron entre 30 ou 50 de estudantes , dependendo das intervencións.

Dúas universidades da cidade brasileira de Fortaleza propuxéronlle a Bravo Bosch, trala súa estadía alí hai uns meses como profesora visitante, a realización dunha actividade de intercambio dirixida tanto ao alumnado, como ao profesorado. “Así xurdiu esta xornada multidisciplinar na que falamos de todo o relacionado con mercado e dereito e houbo uns debates moi enriquecedores nos que participaron docentes brasileiros, italianos, españois e alumnado de doutoramento galego,  portugués e doutras zonas de España”, explica Bravo Bosch, que destaca a presenza de María Vital, coordinadora da Universidade Federal do Ceará e avogada do estado xubilada, que xunto a Ana María Pita Grandal, presidenta da Comisión Académica do Programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado da Universidade de Vigo, foi a encargada de inaugurar a xornada. Pola súa banda, Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario foi o encargado de clausurar as intervencións deste venres, cun relatorio titulado Estabilidade orzamentaria e suficiencia de ingresos.

“A través desta xornada o alumnado soubo do rigor e da seriedade académica que existe en Brasil. Ademais no caso das e dos poñentes que participaron na xornada son todos avogados do Estado, procuradores dos concellos, avogados en exercicio de moito prestixio, xuíces federais ou estatais, co cal non só teñen unha actividade docente e investigadora, senón tamén unha  vida profesional moi rica”, explica Bravo Bosch, que asegura que esa multidisciplinariedade sorprendeu e gustou moito ao alumnado do programa de doutoramento que asistiu á xornada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.