Unhas xornadas reivindican un adestramento deportivo que teña en conta as características da muller

A actividade busca ampliar a formación do alumnado nun eido que son “escasas” as referencias científicas
Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Unhas xornadas reivindican un adestramento deportivo que teña en conta as características da muller

“No rendemento deportivo inflúen múltiples factores, entre os que destacan os biolóxicos e fisiolóxicos e, sen lugar a dúbida, calquera destes factores varían en función do sexo”, sinala a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino, directora dunha xornada que, na tarde deste mércores, buscaba pór o foco nunha variable “determinante” á hora de desenvolver un proceso de adestramento deportivo. Unha variable respecto da que a día de hoxe seguen sendo “escasas as referencias técnicas e científicas”, engade a coordinadora da xornada Mulleres e rendemento deportivo, que contou coa participación de José Manuel Brasa, adestrador da selección española feminina de hóckey herba que logrou o ouro nas Olimpíadas de Barcelona 92, e do profesor da UDC e responsable de atletismo feminino na federación española, Rafael Martín.

Na presentación da xornada, patrocinada pola Unidade de Igualdade da Universidade, Fernández Villarino denunciou que as mulleres foron “obviadas dos libros de referencia do adestramento, ao consideralas como meras anécdotas”, ao tempo que deu conta dunha análise realizada de estudos sobre rendemento deportivo publicados nos últimos dez anos en revistas incluídas no índice JCR, nos que só o 20% incluían mulleres nas súas mostras, “o que non quere dicir que logo a análise dos resultados se faga con perspectiva de xénero”. Unha falta de abordaxe que, engadiu a directora desta xornada, “leva a pensar que as deportistas mulleres ao longo do proceso de adestramento están asumindo métodos e sistemas específicos para os homes, que non respectan cuestións fisiolóxicas e biolóxicas determinantes e específicas da muller”. De aí que o propósito desta iniciativa fose precisamente ampliar a formación do alumnado neste eido de mans de dous conferenciantes cunha extensa traxectoria no traballo con deportistas. “O que intentamos facer con este tipo de xornadas é precisamente cubrir o déficit que teñen en contidos de xénero os plans de estudos das titulacións”, engadía a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, na apertura dunhas xornadas nas que os conferenciantes foron presentados polo catedrático Carlos Lago.

O traballo previo ao ouro do 92

Como un “adestrador pioneiro” definía Lago a José Manuel Brasa, o seleccionador de hóckey herba feminino co que España, que nunca se clasificara para uns Xogos Olímpicos previamente nesta modalidade, logrou a medalla de ouro en Barcelona 92. Brasa, que logo foi tamén seleccionador da India, unha das principais potencias mundiais neste deporte, relatou varias das súas experiencias no traballo realizado con este equipo durante todo o traballo de concentración previo aos Xogos Olímpicos. Nese senso, referiuse a aspectos como o control do ciclo menstrual “para chegar as competicións no mellor momento e tamén para combater as anemias ferropénicas, que é algo que non se pode obrigar absolutamente a ninguén e que cada deportista fai voluntariamente baixo a supervisión dun xinecólogo”, coa idea de que “cheguen á competición nos primeiros días do ciclo”. Así mesmo, o técnico vigués, recoñecido ao longo da súa traxectoria con distincións como a gran cruz ao Mérito Deportivo, tamén se referiu a características da muller “que hai que aproveitar para sacarlle un maior rendemento tanto ao tempo de adestramento como os resultados finais”, como ter en conta “que a conexión entre os dous hemisferios cerebrais é moito maior que no home”, o que, afirmou, “fai que teñan un concepto moi máis holístico, moito máis integral, de todo no que se involucran”, ao tempo que abordou tamén a importancia doutra serie de factores no rendemento deportivo, como a incorporación de profesionais da psicoloxía “como unha parte máis do corpo técnico”, nos que, lembrou, a selección que adestraba tamén foi pioneira en España en 1988.

Profesor da Universidade da Coruña e responsable nacional de atletismo feminino da Real Federación Española, tamén Rafael Martín abordou na súa intervención a súa experiencia no traballo con mulleres deportistas, ao que sumou unha análise “da influencia do deporte de alto rendemento sobre a percepción xeral do xénero no deporte e, polo tanto, na formación”. Nese senso, Martín Acero puxo tanto o acento en como a falta de investigación neste eido se traduce en “falta de formación, nunha cadea que non acaba de romperse”, o que o levou a alertar da persistencia dun “modelo masculinizante das actividades físico deportivas” no traballo formativo que se desenvolve nos centros educativos.