Unidade para garantir a continuidade de Alcoa

Publicado por o día 24/10/2018 na sección de Política,PSOE

Unidade para garantir a continuidade de Alcoa

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou hoxe por “facer todo o posible por manter a unidade política” para acadar a continuidade de Alcoa na Coruña. Así o dixo en resposta á comparecencia do Conselleiro de Industria na que aquel dedicouse a “buscar un chivo expiatorio” atacando ao goberno central renunciando a presentar propostas ou “indicar algún camiño alternativo”.

Advertiulle ao goberno galego dos riscos de “romper a unidade” na defensa da planta galega, e de “converter isto nunha loita partidaria e de vantaxe política a costa das familias e do sector industrial e siderometalúrxico” cando “non son capaces de dicir o que fixeron para facer viables as plantas”.

O responsable socialista esixiu o apoio do goberno galego para manter a unidade á hora de esixirlle á empresa que retire o ERE extintivo e se sente a negociar, de ser necesario “acudindo á fonte primaria nos Estados Unidos e falar cos responsables” da matriz para ofrecer unha “negociación plausible”. Apostou por “manter todas as alternativas” e “traballar para avanzar un pouco máis e darlles esperanza aos traballadores de que hai luz ao final do túnel”.

Fernández Leiceaga respaldou a aposta da Xunta por cambiar a regulación do mercado eléctrico, o que supón, sinalou, “un recoñecemento do que estivo funcionando mal neste tempo, e do que Rajoy, nos seus sete anos de goberno, non fixo por garantir o futuro das electrointensivas”. Chamou a “apoiar ao goberno central e esixamos que cumpra co que pode facer. Trátase de tender a man e non de furtar responsabilidades”, remachou.

Lamentou que, coas súas críticas, o conselleiro de Industria “nos obriga a ser críticos cando queriamos estar detrás da Xunta, para que apoie ao goberno central e tamén para que diga o que vai facer dende o Igape e a busca de créditos do BEI para a renovación tecnolóxica de Alcoa”. Sinalou que o goberno central debe mobilizar os orzamentos para respaldar ás electro intensivas “que non foron mobilizadas por Rajoy en condicións políticas favorables”.

A continuación, dixo, cumpre modificar a regulación do sistema eléctrico e desvincular a subasta marxinalista para fontes de produción de enerxía que xa teñen amortizadas as súas plantas e “acabar coa práctica habitual de dar incentivos públicos sen ningún tipo de garantía de estabilidade e compromiso de permanencia no territorio”.

Mentres, instou a “facer un esforzo entre todos para acadar os investimentos para a renovación necesaria das plantas de A Coruña e Avilés” pola vía de facelas “tan competitivas como a planta de San Cibrán”.

Fernández Leiceaga apelou á Declaración Institucional acordada entre todas as forzas políticas para pedir unha Mesa de Negociación na que, dixo, “o importante é conseguir que se sente a empresa” para dar “un paso máis na busca dunha solución positiva”. Tamén saudou o anuncio do goberno galego de “utilizar os seus instrumentos de promoción industrial e económica”.

Sen embargo, dixo, cumpre “deixar alternativas abertas” para afrontar unha situación “moi delicada e difícil”, xa que “non hai garantía de que a pesares de todo isto a empresa se aveña a unha negociación”.