Unidas Podemos celebra a transferencia da AP9 a Galicia como o «primeiro paso necesario» para lograr que sexa pública e gratuíta

Gómez Reino: «Tras anos de bloqueo do PP e tras moitas iniciativas presentadas polo noso grupo, hoxe por fin se debate o traspaso da AP9 a Galicia»
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Política,En Común Unidas Podemos

Unidas Podemos celebra a transferencia da AP9 a Galicia como o «primeiro paso necesario» para lograr que sexa pública e gratuíta

O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, celebrou que o debate que terá lugar esta tarde no Congreso sexa «o primeiro paso para conseguir que a AP9 sexa pública e gratuíta».

‘É o primeiro chanzo necesario dun camiño cheo de escollos polo bloqueo persistente do PP que durante anos rexeitou as múltiples iniciativas que o noso grupo trouxo a debate nestas últimas lexislaturas e que mesmo, elevamos ao Tribunal Constitucional. É agora, cun Goberno de coalición progresista cando novamente e finalmente a transferencia da AP-9 a Galicia vai ser aprobada nun paso moi relevante para o noso país’.

O voceiro de Galicia en Común reiterou que ‘o noso obxectivo irrenunciable a medio prazo é ir máis aló e recuperar a infraestrutura para os galegos e galegas cunha xestión 100% pública’. Sinalou, ademais, o “compromiso inédito” do Executivo xa reflectido nos PGE cunha partida de máis de 50 millóns para bonificar traxectos da Autoestrada do Atlántico e así aliviar “a insorportable carga económica no día a día de miles de galegos e galegos” en peaxes.

“A AP-9 está amortizada, é estratéxica e conecta a preto do 70% da poboación galega de Norte a Sur. Preguntámonos como é posible que esa concesión a Audasa, con cifras de negocio de 3.000 millóns en 2019 para unha obra que custou 1.400, fora ampliada e prorrogada por Felipe González e José María Aznar ate 2048 coa suba anual e automática dun 1%”, inquiriu Gómez Reino.

“Satisfeitos de que hoxe, ao fin, se poida dar no Congreso este primeiro paso para transferir unha infraestrutura absolutamente clave na vertebración socioeconómica do país”, reiterou o deputado de Unidas Podemos. “Agardamos que cando se convoque a comisión mixta Estado-Xunta, o presidente Feijóo, amose a súa determinación de recuperar a xestión 100% pública da autoestrada”, concluíu.