Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistra unha iniciativa para acabar co afogo económico que supón a regra de gasto para os concellos

A proposición non de lei que o grupo parlamentario leva ao Congreso expón que se “permita ás administracións públicas abordar a crise económica e social á que nos enfrontamos, eliminando toda traba ou condición previa tanto para a posibilidade do uso do superávit como para os destinos aos que se poida aplicar”
Publicado por o día 04/06/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistra unha iniciativa para acabar co afogo económico que supón a regra de gasto para os concellos

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha iniciativa no Congreso para acabar cos efectos perversos que oito anos despois aínda ten para as administracións públicas, en especial para as locais, a Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, imposta no seu día polo PP e coñecida como “lei Montoro”.

A proposición non de lei pide que se “permita ás administracións públicas abordar a crise económica e social á que nos enfrontamos, eliminando toda traba ou condición previa tanto para a posibilidade do uso do superávit como para os destinos aos que se poida aplicar”. Dende o Grupo Confederal enténdese que a pandemia da Covid-19 “tivo como consecuencia unha crise social que empuxa a millóns de persoas a unha situación de vulnerabilidade”.

Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común solicita que, ata que se logre cambiar en profuncidade esta lei,  “o Ministerio de Facenda comunique ás comunidades autónomas e corporacións locais a suspensión da regra de gasto, para que se poidan abordar as políticas necesarias para protexer á poboación das consecuencias da pandemia”.

O voceiro de Galicia en Común na Cámara Baixa, Antón Gómez Reino, lembrou que “nas últimas lexislaturas presentamos case unha decena de iniciativas para que se derrogase unha lei inxusta que impide que as administracións máis cercanas aos cidadáns e cidadás poidan destinar o seu propio superávit” e engadiu que este “foi un cabalo de batalla nos concellos da Coruña, Compostela e Ferrol entre os anos 2015 e 2019 que reduciron débeda sen poder investila nos vecinos e veciñas polo corsé imposto por esta normativa”.

Nesa liña cómpre lembrar que antes da pandemia a débeda das entidades locais chegara ao 11% de media no último ano, descendendo incluso a  cero en moitas delas, cun superávit das corporacións locais que no Estado se situa en cinco décimas por riba da media da Unión Europea ata chegar aos 27.000 millóns de euros.

Na PNL solicítase que se modifique a Guía de Interpretación da Regra de Gasto para que os gastos extraordinarios e reforzos na contratación derivados da crise en servizos sociais, atención ás persoas, limpeza, desinfección, seguridade cidadá e materiais de seguridade de empregados municipais non computen coas regras de estabilidade e teito de gasto.

Reclámase tamén a “superación dos límites da masa salarialpara a contratación de persoal con carácter temporal e extraordinario en servizos esenciais xestionados directamente polas entidades locais”. Finalmente pídese a creación dun “fondo de compensación que veña a paliar a notoria perda de ingresos que van sufrir as corporacións locais, principalmente en taxas e prezos públicos”.