O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común trasladará ao Congreso unha iniciativa para que se permita incluir a concesión dos terreos de Vulcano no futuro proxecto industrial de recuperación do estaleiro, proposto polo Grupo Argos.
“É inadmisible”, apuntou o deputado Antón Gómez Reino, “que a Autoridade Portuaria de Vigo teña a negativa por bandeira en vez de apostar polo futuro industrial da zona”. Dende Unidas Podemos enténdese que, unha vez que a compañía Marina Meridional se fixo coas Factorías Vulcano, “o papel da Autoridade Portuaria debe ser facilitar que os novos proxectos saian adiante para que se recupere a actividade industrial de Vigo, a cidade industrial por antonomasia de Galicia”.
Para Unidas Podemos é imprescindible que se aproveiten os dous meses que veñen para concretar o novo proxecto industrial que Marina Meridional, pertencente ao Grupo Argos, ten para o asteleiro de Vigo. “Xa alertamos do movemento feito por Feijóo para controlar os portos galegos, tamén o de Vigo, mediante a colocación de ex altos cargos do seu goberno nos máximos órganos de decisión destes entes”, lembrou Antón Gómez Reino, “pero Almuiña aínda está a tempo de desmarcarse da nefasta xestión de López Veiga”.
Dende o Grupo Parlamentario enténdese tamén prioritario que o novo proxecto industrial non só contemple unha aposta firme polo naval senón tamén que se reincorpore ao cadro de persoal da antiga Vulcano para que o futuro industrial veña acompañado de estabilidade laboral para os traballadores.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.