Unidas Podemos pide á Xunta cribados masivos á poboación circundante das granxas de visóns tras o gromo detectado onte en A Baña

Gómez Reino: “Xa advertimos hai tempo de que a Xunta debía contar cun protocolo nas granxas de visóns para evitar gromos como o de onte”
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Política,En Común Unidas Podemos

O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común considera preocupante o gromo de coronavirus detectado onte nunha granxa de visóns na localidade coruñesa de A Baña. “Non só preocupante”, apuntou o deputado galego, Antón Gómez Reino, “senón tamén evitable se se tivesen tomado as medidas que asociacións e nós mesmos levamos semanas pedindo”.

Unidas Podemos insiste na necesidade de que se leven a cabo cribados masivos á poboación circundante das granxas de visóns, como fixeron países europeos como Bulgaria e tal e como se pediu na iniciativa rexistrada hai un mes cando se alertou da necesidade de que a Xunta contara cun protocolo para estas explotacións. “Estamos no medio dunha terceira vaga e o risco de transmisión destas granxas é elevado, sobre todo en municipios con máis dunha como Abegondo, que conta con 6 ou Carral con 4″.

“É un exemplo máis da inoperancia da Xunta de Galicia na xestión da pandemia e dun presidente máis preocupado por facer que fai que por arranxar os problemas que dependen das súas competencias”, sinalou Gómez Reino quen lembrou que “o pasado mes de decembro xa advertiramos, observando o que acontecía noutros países europeos, que a Xunta debía contar cun protocolo nas granxas de visóns para evitar gromos como o de onte no municipio de A Baña”.

O deputado verde e presidente da Comisión de Transición Ecolóxica, Juantxo López de Uralde, sinalou que “hai motivos ecolóxicos e éticos para pechar as granxas de visóns, pero agora hai tamén razóns graves de saúde publica. Xa levamos meses advertindo que o acontecido noutros países chegaría a España: as granxas de visóns convertíronse en reservoiros de Covid-19”.

Dende Unidas Podemos crese que foi neglixente que a Xunta non fixera cribados masivos nas granxas e que non se realizaran controis más estritos, tendo en conta que o noso país conta con 25 das 29 granxas peleteiras de todo o Estado, o que supón máis do 86% das explotacións.