A Universidade celebrará San Tomé entregando 78 distincións académicas

O acto conmemorativo terá lugar o luns 29 ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Por o 22/01/2018 | Sección: Eventos,Universidade de Vigo
A Universidade celebrará San Tomé entregando 78 distincións académicas

A festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, celébrase este ano o día 26 de xaneiro, motivo polo que este venres permanecerán pechados todos os centros da Universidade de Vigo. Non obstante, o acto académico conmemorativo desta festividade terá lugar o vindeiro luns día 29 ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, nun acto que estará presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e no que se entregarán as distincións académicas do curso 2016/2017.

Aprobados no derradeiro Consello de Goberno de 2017, entregaranse en total 72 premios extraordinarios de fin de carreira, grao e doutoramento. Do total de galardóns, máis dun 61% corresponden a mulleres e o 38% restante a homes, que só superan ás súas compañeiras nos premios de doutoramento. Por campus, Vigo acumula 29 premios de fin de carreira e grao, Ourense 14 e Pontevedra 11. No caso dos galardóns extraordinarios de fin de carreira, dous corresponderon a mulleres (unha na titulación de Enxeñaría Informática e outra en Enxeñaría Industrial) e os outros dous a homes (un de Enxeñaría Industrial e outro Enxeñaría de Organización Industrial). Polo que respecta aos 50 premios extraordinarios de grao, 35 corresponden a mulleres e os 15 restantes a homes, mentres que a distribución por campus confirma 13 para o campus de Ourense, 11 para Pontevedra e os 26 restantes para o campus vigués. Pola súa banda, no caso dos 18 premios extraordinarios de doutoramento do curso 2016-2017, 11 corresponderon a alumnos e sete a alumnas.

A maiores entregaranse tamén os seus respectivos galardóns ás seis persoas gañadoras da cuarta edición dos premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e de máster na Universidade de Vigo.

As persoas interesadas en asistir a este acto académico deben solicitar confirmación de asistencia antes do día 26 de xaneiro no teléfono 986 813 618 ou no enderezo electrónico protocolo@uvigo.es

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.