A Universidade coorganiza unha escola internacional de verán sobre procesamento de sinais para o acceso sen fíos 5G

A Universidade de Vigo xunto ás de Chalmers, Linköping, Texas en Austin e Aalborg organiza a edición de 2017 da Joint IEEE SPS Eurasip Summer School on Signal Processing for 5G Wireless Access
Publicado por o día 23/05/2017 na sección de Universidade de Vigo

A Universidade coorganiza unha escola internacional de verán sobre procesamento de sinais para o acceso sen fíos 5G

A Universidade de Vigo xunto ás de Chalmers, Linköping, Texas en Austin e Aalborg organiza a edición de 2017 da Joint IEEE SPS Eurasip Summer School on Signal Processing for 5G Wireless Access, que se celebrará entre os días 29 de maio e 1 de xuño na cidade de Gotemburgo. A escola sueca de verán é unha das máis recoñecidas no ámbito internacional sobre procesamento de sinais para o acceso sen fíos 5G e nesta edición as conferencias centraranse en catro temas: MIMO masivo, comunicación mmWave, posicionamento e comunicación de máquina a máquina.

Entre as e os relatores que intervirán nesta edición da escola de verán está a docente e investigadora da Universidade de Vigo e AtlantTIC Nuria González Prelcic, coautora de máis dunha vintena de artigos sobre tecnoloxías MIMO para onda milimétrica e que ten impartido seminarios especializados en congresos como ICASSP 2017, Globecom 2016 ou WCNC 2017. “Para min é un gran logro estar colaborando nesta iniciativa con varias das universidades e investigadores que máis teñen que dicir no tema das novas tecnoloxías 5G, que son basicamente MIMO masivo e comunicacións en onda milimétrica”, sinala a investigadora e editora asociada do IEEE Transactions on Wireless Communicationss, que considera que “para alguén que traballa nunha universidade máis modesta aínda é máis importante estar aí”.

Unha porta aberta a novas aplicacións

Nuria González, que xunto ao docente da Universidade de Texas en Austin Robert Heath coorganizou dúas sesións especiais sobre comunicacións mediante ondas milimétricas en SPAWC 2015 e Asilomar 2016, explica en relación coa súa intervención na escola de verán que “a tecnoloxía de onda milimétrica trata de operar a frecuencias moi altas, da orde de máis de 30GHz, con arrays de antenas, para acadar velocidades de transmisión moi altas, moitas decenas e incluso centenas de xigabits por segundo. Estas velocidades fan posible aplicacións que ata o de agora non son posibles, desde comunicacións vehiculares de alta velocidade a módulos de comunicacións para sistemas de realidade virtual”.

Na escola de verán, ademais dos relatorios que ofrecerán algunhas e algúns dos principais expertos no campo do procesamento de sinais para comunicacións, tamén se impartirán relatorios a cargo de representantes das empresas Huawei, Ericsson, Volvo ou China Mobile.