A Universidade difundirá a súa actividade investigadora á sociedade a través dun plan de divulgación científica

A Comisión electoral acordará o calendario das eleccións a reitor ou reitora o vindeiro xoves 8 de febreiro
Publicado por o día 07/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

A Universidade difundirá a súa actividade investigadora á sociedade a través dun plan de divulgación científica

O Consello de Goberno aprobou por unanimidade na súa sesión deste luns o 1º Plan de divulgación científica da Universidade, que marca as liñas estratéxicas no que respecta á política e difusión da actividade investigadora da institución para este ano 2018 e co que se persegue, non só contribuír a un mellor coñecemento da capacidade investigadora da institución, senón sobre todo fomentar a mellora da cultura científica na sociedade. “A transmisión a todos os públicos do coñecemento xerado, a concienciación sobre a repercusión e rendibilidade do labor investigador en todos os ámbitos e o aumento da cultura científica da sociedade que nos rodea, deben de ser considerados obxectivos estratéxicos prioritarios de calquera universidade pública”, sinalou na súa intervención Asunción Longo, vicerreitora de Investigación e Transferencia, que tamén foi a encargada de detallar os aspectos máis salientables da convocatoria de axudas á investigación para este ano, que tamén foi aprobada este mediodía polo órgano de goberno da institución, que igualmente deu o seu apoio á decisión tomada na Mesa do Claustro do pasado 31 de xaneiro, aprobando a convocatoria para a renovación total deste órgano e a celebración das eleccións á reitor ou reitora. A Comisión electoral, encargada de elaborar o calendario, censo e procedemento electoral, reunirase o vindeiro xoves 8 de febreiro.

Na primeira sesión ordinaria do ano 2018, as e os integrantes do Consello de Goberno, tamén deron luz verde cos seus votos aos criterios de elaboración da programación docente anual, PDA, para o curso 2018/2019, que determina o marco normativo da Universidade, aplicado para o cálculo das horas de profesorado empregadas na docencia presencial da ensinanzas de grao, mestrado e doutoramento, asignando a cada titulación un número de horas de profesorado para distribuír en grupos docentes, de xeito que é o centro, a comisión académica do máster e a Escola Internacional de Doutoramento, quen planifica os detalles de cada materia de grao, mestrado e doutoramento, respectivamente.

Por outra banda, os membros do Consello de Goberno tamén aprobaron o calendario e o procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións e grao, mestrado e doutoramento para o curso 2019/2020, proposta que no caso de novos títulos debe adaptarse, lembrou o reitor, aos compromisos adoptados para a planificación da oferta académica do Sistema Universitario Galego. “Este acordo permite un único novo título de Grao en Deseño e Creación no campus de Pontevedra e non restrinxe o número de mestrados e programas de doutoramento, aínda que a Xunta insiste en manter nos acordos o tamaño do sistema”, sinalou Salustiano Mato. A convocatoria de concesión de anos sabáticos para o vindeiro curso, que contempla un prazo de presentación que finaliza o 1 de marzo e un límite de 270.000 horas de actividades docentes complementarias para o curso 2018/2019, foron outras cuestións aprobadas este mediodía polo Consello de Goberno.

Un plan para divulgar a actividade investigadora da Universidade

A Universidade de Vigo conta desde hoxe co seu 1º Plan de divulgación científica, que marca as liñas estratéxicas no que respecta á política e difusión da actividade investigadora da institución para este ano e co se persegue, non só contribuír a un mellor coñecemento da capacidade investigadora da institución, senón sobre todo, fomentar a mellora da cultura científica na sociedade. As actividades propostas no plan enfócanse a todo tipo de públicos, desde mozos en etapa preuniversitaria a colectivos afastados da actividade académica e entre elas contémplase a posta en marcha dun portal na web da universidade dedicada á divulgación científica, a participación da institución en convocatorias públicas especificamente orientadas á divulgación científica, a convocatoria de axudas á actividades de divulgación, a organización de xornadas de portas abertas dos centros de investigación da universidade ou a organización de eventos destinados á difusión da actividade universitaria á sociedade. As actividades contempladas no plan abarcarán a actividade da Universidade en todos os ámbitos de coñecemento, científico, humanístico, tecnolóxico e xurídico-social e transversalmente, de acordo co Plan de Igualdade, prestará especial atención á inclusión de consideracións de xénero e á difusión do papel da muller a xeración de coñecemento.

No ámbito da investigacion, o Consello tamén aprobou hoxe a convocatoria de axudas á para este ano 2018, por un importe de 1.570.000 euros. As axudas propias á investigación e á transferencia acadan a partida máis elevada con 1.300.000 euros, seguida da referida ás reunión científicas con 88.000 euros e as bolsas de estadías por un importe de 75.000 euros. “A convocatoria mantén os criterios de anos anteriores e presta especial atención ao apoio ao persoal en formación ao que se destina o 77% do orzamento”, destacou Asunción Longo en relación con esta convocatoria que contempla axudas a grupos de investigación; o programa de subvencións para a organización de congresos e para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas; o programa de axudas á mobilidade do persoal investigador e o programa de bolsas e axudas á formación.