Universidade e Asime estudan novas liñas de colaboración

M. Reigosa e J. Sierra mantiveron un encontro, acompañados dos seus equipos directivos
Por o 25/01/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Universidade e Asime estudan novas liñas de colaboración

A sede da Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia, Asime, acolleu hoxe unha xuntaza de traballo entre a súa xunta directiva e o reitor da Universidade de Vigo e unha representación do seu equipo de goberno, na que acordaron estudar novas liñas de colaboración nos ámbitos da educación, a investigación, a innovación e o desenvolvemento. Justo Sierra, presidente de Asime, e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, coincidiron en destacar a importancia de que ambas entidades manteñan liñas abertas de colaboración, que redundarán de xeito positivo na sociedade e na economía galegas.

Tras incidir na importancia que o sector do metal ten en Galicia, no que representa máis do 20% do PIB e no que o número de postos de traballo ascende a 65.000, Sierra asegurou que “para a xente que estuda na universidade este é un sector e un ámbito no que ten moitas posibilidades e desenvolver a súa carreira profesional e penso que é obriga de Asime e da Universidade buscar vías de colaboración para que a engranaxe que move á sociedade á hora de axustar oferta e demanda laboral funcione”. Pola súa banda, Reigosa lembrou a obriga da universidade, como institución pública de educación superior, “de participar no tecido económico e empresarial e na mellora da sociedade galega a través da optimización das condicións do emprego e a produtividade das empresas”, sinalou o reitor.

Unha maior coordinación a prol dun maior beneficio social

O presidente de Asime, que estivo acompañado na reunión por unha representación da xunta directiva da asociación, e o reitor da Universidade de Vigo, que acudiu á xuntanza xunto ás vicerreitoras de Transferencia; Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e Comunicación e Relacións Institucionais, os vicerreitores de Planificación e Sostibilidade e Ordenación Académica e Profesorado e o director da Área de Sostenibilidade, avogaron por traballar de xeito coordinado, o que redundará en beneficio da sociedade galega.

“Cómpre tender pontes e ser quen de facer traballos en moitos eidos como o educativo, a investigación, desenvolvemento e innovación. Sendo este un dos sectores máis importantes e tendo nós un perfil tecnolóxico estamos chamados a entendernos”, manifestou o reitor, que expresou o seu convencemento en que a formalización de novas liñas de colaboración con Asime “redundará en beneficio da sociedade para xerar emprego, riqueza e benestar, que é a nosa obriga”, dixo Reigosa. Mentres, Justo Sierra asegurou que o sector debe estar en contacto permanente coa Universidade para que esta poida modular e lanzar a súa formativa “para que ao final teñamos máis postos de traballo e beneficio social. É un traballo que temos que facer de xeito permanente e con carácter estratéxico, porque todo cambia moi rápido e se as empresas e a oferta formativa non se adecúan, teremos problemas no futuro”, explicou o presidente de Asime.

Comentar noticia

Your email address will not be published.