Universidade e Autoridade Portuaria de Vigo estreitan a súa colaboración en torno á estratexia Blue Growth

A idea é seguir consolidando a cidade como referente de Porto Verde
Publicado por o día 09/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Universidade e Autoridade Portuaria de Vigo estreitan a súa colaboración en torno á estratexia Blue Growth

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acompañado pola vicerreitora de Investigación Belén Rubio e o director do Centro de Investigación Mariña e do Campus do Mar, Daniel Rey, mantiveron este luns unha xuntanza de traballo co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique C. López Veiga, e o xefe do Departamento de Sostinibilidade, Carlos Botana. Foi unha primeira toma de contacto entre ambos equipos na que se analizou o estado no que se atopan os proxectos e accións enmarcados na estratexia Blue Growth, que converteu ao Porto de Vigo nun referente en Europa, exemplo da implantación da política de Crecemento Azul promovida pola Comisión.

Ao longo da xuntanza fíxose especial énfase nos tres puntos clave nos que, a xuízo dos participantes, é imprescindible redobrar esforzos de colaboración entre ambas institucións: historia e cultura portuaria e marítima, formación e consolidación de Vigo como Porto Verde.

Proxecto Peirao do Solpor

No caso de Vigo como referente de Porto Verde, López Veiga expuxo ao equipo de goberno o proxecto coñecido como Peirao do Solpor, co que se pretenden crear sistemas de microhábitats coma se fosen viveiros artificiais, aproveitando estruturas existentes para a implantación das algas e, con iso, de novas especies e para o que se van empregar estruturas verticais, recollendo a experiencia das bateas de mexillón, mediante o uso de cordas ou mantas.

O obxectivo da institución que preside Enrique López Veiga é, segundo explicou na xuntanza, facer partícipe a toda a cidadanía deste novo proxecto, polo que se realizará o piloto nunha zona céntrica e facilmente visitable, o que servirá para comprobar en primeira persoa como funciona o ecosistema, os tempos de renovación ou recuperación e o ciclo de vida, entre outras cousas.

O Porto de Vigo aposta así pola restauración ambiental e o desenvolvemento sustentable do Porto, de acordo coa Axenda Blue Growth da Comisión Europea e dos grupos de traballo xurdidos ao redor da estratexia de Crecemento Azul do Porto de Vigo, onde participou activamente o Campus do Mar, ademais doutras entidades como o Cetmar, o Centro Oceanográfico, o CSIC e a propia comunidade portuaria.