Universidade e Instituto de Estudios Vigueses suman forzas para afondar no coñecemento de Vigo e súa bisbarra

Realizarán actividades conxuntas no ámbito documental e formativo
Por o 07/02/2018 | Sección: Universidade de Vigo
Universidade e Instituto de Estudios Vigueses suman forzas para afondar no coñecemento de Vigo e súa bisbarra
Compartir en:

Desde a Xeografía á Numismática, pasando pola Economía e as ciencias físico-naturais, o Instituto de Estudios Vigueses traballa desde o ano 1991 na investigación e divulgación de todo o que ten que ver con Vigo e a súa bisbarra. A través da realización de estudos sobre a cidade nas distintas áreas de coñecemento, así como da colaboración con investigadoras e investigadores, institucións e cidadanía en xeral e a divulgación da información, a institución que dirixe Xosé Carlos Abad converteuse na que maior número de publicacións editou sobre Vigo, ao tempo que desenvolveu un gran número de actividades divulgativas, como conferencias, mesas redondas ou exposicións. Tras anos de colaboracións puntuais, a Universidade de Vigo e o Instituto de Estudios Vigueses, déronlle hoxe un novo pulo a súa relación coa sinatura dun convenio marco de colaboración para a realización de actividades e proxectos conxuntos no ámbito documental e formativo.

O reitor da Universidade de Vigo, e o director do Instituto de Estudios Vigueses foron os encargados de subscribir o acordo, que Mato considera “estrutura de xeito estable unha relación puntual que ambas as dúas entidades mantiñamos desde hai tempo, ao tempo que permite a través da colaboración documental unha mobilidade de pensamento fluída”. Pola súa banda, Xosé Carlos Abad incidiu na importancia de traballar de xeito conxunto, así como na función social que desenvolve o Instituto, para o que este convenio “é un punto e seguido para a difusión cultural e editorial”. Abad lembrou a implicación e participación puntual de membros da comunidade universitaria na xestión e nas actividades que o Instituto desenvolve, como o ForumIEV-2018 que está a desenvolver.

Intercambio de publicacións, publicacións conxuntas e consulta de fondos

Entre as actividades e proxectos que contempla o convenio asinado hoxe, destaca o intercambio de publicacións, de xeito que o Instituto de Estudios Vigueses enviará á Biblioteca Universitaria, representada no acto de sinatura de hoxe pola súa subdirectora Paz Canduela, exemplares das súas publicacións, mentres a Biblioteca mandará ao Instituto un exemplar de cada unha das publicacións editadas polo Servizo de Publicacións da Universidade, ao tempo que ambas as dúas institucións poderán publicar de xeito conxunto obras escritas. Por outra banda, os membros da entidade que dirixe Abad quedarán autorizados para a consulta e o préstamo de fondos bibliográficos da Biblioteca Universitaria, nas mesmas condicións que o alumnado de posgrao e persoal de investigación contratado.

O acordo tamén contempla que a Biblioteca Universitaria asesorará á persoa designada polo Instituto en cuestións relativas á catalogación, organización e servizos de biblioteca, coa finalidade de poñer en valor e difundir axeitadamente os fondos que o Instituto ten na súa sede social.