Universidade e Instituto Federal de Goiás colaborarán nos eidos da automoción, enxeñaría da enerxía e xestión de residuos

O turismo e a historia serán tamén de especial interese para proxectos conxuntos con Goiás e Brasilia
Por o 25/02/2018 | Sección: Universidade de Vigo
Universidade e Instituto Federal de Goiás colaborarán nos eidos da automoción, enxeñaría da enerxía e xestión de residuos

A visita institucional do reitor da Universidade de Vigo a Brasil segue a sumar colaboracións e acordos entre a institución viguesa e os institutos federais do país sudamericano. Tras a sinatura dun memorando global co Conselho Nacional das Instituições da Rede Federal de Educação Profissional, Científica e Tecnológica, Conif, para a colaboración no eido educativo, científico e tecnolóxico, e os convenios específicos con 24 institutos federais, a institución viguesa segue a pechar acordos. En concreto, o mércores Salustiano Mato e a súa adxunta, Regina Carreira, visitaron o Instituto Federal de Brasilia e o xoves co Instituto Federal de Goiás para concretar os eidos específicos de colaboración ao abeiro dos acordos asinados esta semana. No caso de Brasilia, explica o reitor, “imos centrar a colaboración en turismo e historia a través do Campus da Auga”. No caso de Goiás, “un instituto moito máis grande e tecnolóxico”, acordouse poñer en marcha grupos conxuntos de traballo en enxeñaría mecánica e eléctrica ligada ao eido da automoción, enxeñaría da enerxía, xestión de residuos e, como no caso de Brasilia, turismo e historia. Mato explica que “tras realizar unha presentación da Universidade de Vigo ante todo o equipo directivo do centro goiano, puidemos coñecer as súas principais liñas de investigación, laboratorios, etc.” e determinar así as liñas de colaboración máis acaídas para ambas institucións.

A mobilidade como primeiro paso

Este venres remata a viaxe a Brasil e, segundo avanza Mato, unha vez de volta en Vigo comezarase a falar “cos interlocutores de cada un dos nosos campus para crear grupos de traballo”. Os primeiros pasos terán a mobilidade do alumnado e persoal investigador como principal foco de atención. Nos institutos federais, explica o reitor vigués, “están interesados especialmente en que o seu persoal poida realizar estudos de mestrado e doutoramento na Universidade de Vigo, onde poderían realizar as súas teses de doutoramento, e isto pode ter un efecto multiplicador moi interesante para nós”. A partir de aquí comezarán tamén a estreitarse os lazos de colaboración que permitan, nunha etapa posterior, deseñar e poñer en marcha proxectos internacionais de investigación conxuntos.

Visita ao Ministerio de Educación

A axenda do reitor en Brasil completouse onte xoves cunha xuntanza no Ministerio de Educación, no que foi recibido por Joelma Kremer, asesora da Diretoria de Políticas de Educação Profissional de Tecnológica e Rodrigo Marfan, da Assessoria Internacional do Gabinete do Ministro. O obxectivo desta reunión, explica Mato, foi dar a coñecer ao Ministerio a “relación intensiva que estamos tecendo co Conif” e a resposta foi moi positiva, xa que é “o modelo de traballo que buscan”, relata o reitor vigués. “Teñen moi claro que para financiar proxectos de formación de titulados brasileiros en Europa, debe existir un traballo previo de equivalencia académica, de relación coa universidade de destino, etc. e iso é que pretendemos poñer en marcha a través do acordo con Conif”. De feito, os responsables ministeriais avanzaron que realizarán un seguimento e apoiarán as propostas de colaboración coa Universidade de Vigo que presenten os institutos federais cos que se asinaron os convenios. “Isto implica que imos a ter o acompañamento do Ministerio para as propostas internacionais e para procurar financiamento, algo de especial relevancia tendo en conta que Brasil é un país que apoia con determinación a ciencia e a educación e, polo tanto, coa súa axuda será máis fácil conseguir as axudas correspondentes para as iniciativas conxuntas”.