Universidade e Real Academia Galega organizan un acto académico literario arredor do Pergamiño Vindel

Será o vindeiro xoves 1 de marzo no paraninfo da Reitoría a partir das 12.00 do mediodía
Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Eventos,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Universidade e Real Academia Galega organizan un acto académico literario arredor do Pergamiño Vindel

Nos derradeiros días de estancia en Vigo do Pergamiño Vindel multiplícanse as actividades organizadas arredor da gran xoia da literatura galega medieval. Achégase a hora da despedida e do regreso á Morgan Library de Nova York pero antes cómpre aproveitar a súa estancia en Vigo para seguir afondando no seu estudo. Neste contexto a Universidade e a Real Academia Galega organizaron para o vindeiro xoves 1 de marzo un acto académico literario arredor deste manuscrito que reproduce a letra e notación musical das sete cantigas de amigo de Martin Codax, un dos trobadores que representan a extraordinaria riqueza da lírica medieval galega.

A sesión terá lugar a partir das 12.00 horas no paraninfo da Reitoría e arrancará cunhas verbas de benvida do reitor, Salustiano Mato, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, para meterse despois de cheo nun programa que abordará distintas olladas das cantigas de amigo e de Martín Codax, que viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV probablemente na contorna da ría de Vigo, á que fai numerosas referencias nas súas composicións. As persoas encargadas de profundar na obra deste autor e o seu contexto será a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia e os académicos Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero.

Camiño Noia intervirá cun relatorio titulado Cantigas de amigo, cancións de muller, Henrique Monteagudo achegará Ao son das ondas e Xesús Alonso Montero, O macrotexto das sete cantigas de Martín Codax: unha noveliña dramática de amor. O acto rematará coa actuación do músico Roi Casal, que interpretará algunha das composicións do trobador homenaxeado.