A Universidade de Vigo é un dos sete socios do proxecto europeo PortableCrac, un consorcio no que participan sete empresas e institucións de España, Italia e Portugal e que ten como principal obxectivo o desenvolvemento dunha tecnoloxía ecolóxica e economicamente beneficiosa para rexenerar o carbón activo empregado na actualidade para a descontaminación e filtración de auga, tanto na pequena como na gran industria, un tema que a propia Unión Europea recoñece como de vital importancia dado que falamos dun recurso, moi limitado e valioso, como é a auga.
O proxecto, financiado con máis de 2,2 millóns de euros con cargo á convocatoria H2020, está liderado en Vigo polo profesor do Departamento de Enxeñaría Química, Claudio Cameselle, quen explica que o denominado carbón activo é un absorbente que se emprega en numerosos e diversos procesos industriais como a potabilización de augas, a industria farmacéutica ou incluso a minaría de ouro e que, unha vez empregado, queda cargado de contaminantes que deben ser eliminados para poder usalo de novo. Neste senso, o responsable vigués do proxecto apunta que o sistema de reactivación convencional é un proceso térmico que consume moita enerxía, ademais de “queimar” unha fracción do propio carbón, “polo que con este proxecto o que buscamos é desenvolver un prototipo comercial para a súa reactivación electroquímica, un proceso moito máis económico e eficaz ca o convencional”, enfatiza Cameselle.
Prestarase especial atención á adaptación dun dispositivo compacto e portátil que mellore considerablemente a flexibilidade, o funcionamento e os custes de investimento con respecto aos equipos existentes, o que permitirá a propia a rexeneración in situ do carbón activo agotado.
Tecnoloxía viguesa para o control da contaminación ambiental
No proxecto están implicadas diferentes empresas, centros de investigación e universidades que achegan coñecemento e tecnoloxía nos diferentes apartados que está previsto levar a cabo. O proceso de reactivación de carbón activo leva implícito a desadsorción dos contaminantes que xeran unha corrente residual que debe ser tratada. “É neste punto onde intervén a Universidade de Vigo”, apunta Cameselle, que explica que a tarefa viguesa consiste no desenvolvemento dun sistema robusto para o tratamento do efluente residual, que pode conter tanto contaminantes orgánicos como inorgánicos. “O sistema de tratamento proposto baséase en procesos de oxidación avanzada para as substancias orgánicas e nunha separación electroquímica das substancias inorgánicas”, recalca o docente, ao tempo que adianta que tamén se prevé a posibilidade da recuperación de substancias ou elementos de interese económico si estes se atopasen na corrente residual.
“A nosa participación no proxecto xurdiu grazas a toda a experiencia que acumulamos no desenvolvemento de tecnoloxías para o control da contaminación ambiental, onde os procesos electrocinéticos/electroquímicos sempre tiveron un papel destacado”, recalca Cameselle, responsable do Máster en Xestión Ambiental na Industria, un título co que a Universidade de Vigo busca dar resposta á demanda de profesionais especializados na xestión de residuos e na minimización do impacto ambiental das actividades industriais.
Consorcio de sete socios de España, Italia e Portugal
Liderado pola empresa española Contactica SL, o consorcio que levará a cabo o proxecto está composto por sete organizacións de tres países diferentes, entre eles as universidade de Vigo e a de Alacante, cidade na que tivo lugar a reunión de lanzamento do proxecto hai apenas un par de semanas. Por diante quedan 36 meses de traballo nos que se tratará de achegar unha solución sostible e a longo prazo que, segundo os propios responsables do proxecto, crearía tamén un importante número de empregos, tanto directos como indirectos, no sector servizos da Unión Europea.
Noticias de última hora en Vigo