A Universidade súmase ás celebracións polo Día de Rosalía de Castro

No campus de Vigo as celebracións céntranse na Facultade de Filoloxía e Tradución
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

A Universidade súmase ás celebracións polo Día de Rosalía de Castro

Museos, concellos, asociacións culturais, colexios… e, por suposto, tamén a Universidade de Vigo. Galicia enteira celebra o 24 de febreiro o Día de Rosalía e faino con actividades espalladas por toda a xeografía. Na Universidade as primeiras actividades en pórse en marcha foron dúas exposicións, unha na biblioteca do campus de Ourense, bautizada precisamente como biblioteca Rosalía de Castro, e outra na de Filoloxía e Tradución. É o punto de arranque dunha semana de celebracións que terá o seu punto álxido o martes 27 coa celebración dunha xornada conmemorativa no campus de Ourense e continuará o mércores 28 en Vigo coa actuación dos regueifeiros Luís O Caruncho e Bieto Lobariñas.

No caso de Vigo a exposición sobre Rosalía na Facultade de Filoloxía e Tradución é xa un clásico. Situada na entrada da biblioteca, para facilitar así a súa visita por todos os usuarios e usuarias, está composta por numerosos exemplares, tanto de obras da autora, da que mañá se celebra o 181 aniversario do seu nacemento, como doutros estudos sobre a súa obra e a súa vida. Ademais, a exposición inclúe tamén outros formatos como libro-discos e diferentes documentais en dvd sobre a autora. Como exemplos representativos desde a biblioteca destacan o libro disco da cantante galega de orixe palestino Najla Shami Na lingua que eu falo, un traballo co que se reivindica a obra de Rosalía para as novas xeracións; as novas edicións da obra de Rosalía feitas por El Patito Editorial, así como numeroso material da propia Fundación Rosalía de Castro, presidida polo escritor Anxo Angueira, profesor tamén nesta facultade. As persoas interesadas en visitar este particular recuncho da biblioteca poden facelo ata finais da vindeira semana.

A actuación de Luís O Caruncho e Bieito Lobariñas, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da facultade co apoio da Área de Normalización Lingüística, será o mércores 28 a partir das 11.30 horas na entrada principal do centro.

O acto central será en Ourense o martes 27

O acto central de conmemoración do Día de Rosalía terá lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel lerase o manifesto desta conmemoración AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregaranse os galardóns do certame de microrrelatos; presentarase a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e visionarase unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechará o acto unha intervención musical de Xosé Constenla, profesor na Facultade de Ciencias da Educación, e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto será ás 12.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.