A Universidade de Vigo presenta BIDI, o Buscador de I+D+i da institución

1800 investigadoras e investigadores de preto de 200 grupos nun clic
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo presenta BIDI, o Buscador de I+D+i da institución

Un escaparate das capacidades da I+D+i que se fai na Universidade de Vigo. Isto é BIDI, o buscador da institución académica viguesa, que este mediodía foi presentado publicamente e ao que xa se pode acceder a través do enderezo electrónico bidi.uvigo.es. “BIDI permitirá ter máis claras as capacidades da nosa comunidade investigadora”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que incidiu na importancia desta ferramenta “que permitirá poñer en valor o noso traballo e que a sociedade poda buscar solucións a problemas de I+D+i”. Xunto a Mato, a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, e o director da Área de Transferencia, José Luis Alba, foron os encargados este mediodía de presentar á comunidade universitaria o buscador que inclúe uns 1800 investigadoras e investigadores de preto de 200 grupos de todos os ámbitos do coñecemento.

“Axilidade, utilidade e actualización”, estes son os tres trazos do BIDI que Asunción Longo destacou na súa intervención, na que tamén confirmou que o buscador indexa os datos gardados na base de datos da Universidade BBDD SUXI-XC, que se actualiza cos últimos datos inseridos polo persoal investigador, que é o encargado de mantelos ao día. Ao traballar co rexistro de investigación, o buscador tamén contén información sobre proxectos de investigación, contratos con empresas, patentes, teses defendidas, artigos de revistas, congresos, etc. A vicerreitora de investigación tamén agradeceu este mediodía o traballo desenvolvido para a posta en funcionamento do buscador do director da Área de Transferencia, os Servizos Informáticos, o persoal técnico de I+D+i e de todo o persoal investigador da Universidade.

Transparencia e captación de socios e de empresas

Pola súa banda, José Luis Alba, apuntou ao tecido socio-económico e ao persoal investigador e ao de apoio á investigación e transferencia, como os principais destinatarios do buscador. “O BIDI permitirá ao tecido socio-económico dunha ferramenta para que poida consultar de xeito doado a investigación e transferencia que se fai na Universidade”, sinalou o director da Área de Transferencia, que destacou que esta ferramenta achegará maior transparencia, ao tempo que permitirá capta socios para proxectos de I+D+i, así como interese das empresas polos desenvolvementos da Universidade. “Dotar ao persoal investigador e ao persoal de apoio á investigación e transferencia dunha ferramenta par coñecer mellor as liñas de investigación dos grupos e buscar sinerxías internas e externas” é, segundo Alba, outro dos obxectivos do BIDI, que achega ás e aos usuarios datos de contacto, palabras clave, liñas de investigación e servizos ofertados.

A través de buscas simples e avanzadas en galego, español e inglés, Alba destacou que é na procura por capacidades onde está a potencia dunha ferramenta “moi intuitiva, que permite refinar a busca e exportar os resultados a Excel”. En canto á actualización dos datos que inclúe o buscador, esta faise unha vez por semana indexando as novas incorporacións de perfís e méritos que o persoal investigador insire no SUXI.