Uns 200 rapaces participaron nos obradoiros do Ganapán no evento de inauguración de O Mercado

Tralo éxito da programación especial deseñada con motivo do acto de apertura, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asegura ter moi claro que “o servizo vai ter continuidade”
Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Uns 200 rapaces participaron nos obradoiros do Ganapán no evento de inauguración de O Mercado

O acto de inauguración do novo Espazo Gastronómico Sostible do Mercado serviu non só para poñer de manifesto a enorme demanda que existe na cidade deste tipo de oferta hosteleira, senón tamén para ratificar o éxito e a necesidade do servizo que presta a ludoteca O Ganapán. Uns 200 rapaces participaron onte nos diversos obradoiros e actividades infantís programados con motivo do evento de apertura do gastroespazo O Mercado, destacando pola súa boa acollida o taller de elaboración de ‘sushipan’ e o espazo Cóctail.

Para a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “queda moi claro que se trata dun servizo necesario, que debe ir asociado á oferta de O Mercado e que, polo tanto, vai ter continuidade”. “Foron moitas as nais e pais que me preguntaron se os obradoiros eran só para esa xornada ou seguirían funcionando. Os seis monitores do Ganapán atenderon a varios grupos de nenos de fóra (concretamente de Madrid), que están a pasar as vacacións nas Rías Baixas, e as súas familias alucinaron con que existise esta iniciativa e se prestase de xeito gratuíto”, subliña a socialista.

Segundo explicou, as nais e pais “agradeceron moito o feito de poder deixar aos seus fillos xogando e pasando un bo rato mentres tomaban un vermú ou un viño tranquilamente”. Asemade, as familias valoraron o feito de que as nenas e nenos tivesen ocasión de aprender a elaborar receitas culinarias e cócteles que logo poden facer nas súas casas.

“Houbo un primeiro momento de estrés -apuntou Blanco- cando se abriron as portas do Mercado, xa que os rapaces chegaron en masa e houxo xente que tivo que esperar para dispoñer de praza, pero despois as quendas de 30 minutos dos obradoiros fluíron sen problemas”.

O Ganapán Gourmet contou onte con obradoiros en catro espazos diferenciados: Petiscos (onde se desenvolveu a parte máis gastronómica e se fixo o ‘sushipan’), Cóctail (con receitas sen alcol como os famosos San Francisco e o daiquiri de plátano), Natura (espazo no que se fixeron postais e marcapáxinas con material reciclado) e Arte (obradoiro de chapas e imáns de neveira). Asemade, organizáronse xogos de probas e xincanas ao longo da tarde-noite.