Uns 300 empregados de Seaga protestaron en Santiago contra a precariedade e a política de prevención e extinción de lumes

Os empregados/as da empresa pública manifestáronse polas rúas da cidade no dia de onte antes de iniciar unha acampada diante da Xunta
Publicado por o día 20/09/2016 na sección de CIG,Medio Ambiente,Protestas,Santiago,Sindicatos,Vigo

Uns 300 empregados de Seaga protestaron en Santiago contra a precariedade e a política de prevención e extinción de lumes

Arredor de 300 traballadores/as da empresa pública Seaga mobilizáronse o pasado mediodía de onte en Santiago de Compostela para denunciar as condicións de “absoluta precariedade” na que se atopan e a “nefasta política” en materia de prevención e extinción de lumes da Xunta de Galiza. Os empregados/as da empresa pública percorreron as rúas da cidade en manifestación antes de iniciar unha acampada en San Caetano que se manterá até o vindeiro venres.

Varios centos de traballadores/as de Seaga participaron hoxe na manifestación convocada pola CIG para denunciar a precariedade laboral que padecen os empregados/as da compañía pública e rexeitar a política de prevención e extinción de lumes forestais que aplica o Goberno galego.

A marcha arrincou da Praza Roxa poucos minutos despois das 12.00 horas e rematou hora e media despois diante do edificio da Xunta en San Caetano.

Unha faixa co lema “Outra política forestal é posíbel. Seaga solución” abría unha comitiva que durante o percorrido berrou lemas como “Máis prevención e menos extinción”, “Quen apaga o lume, nós e non a UME”, “Feijóo, cabrón, traballa de peón” ou “ A culpa de quen é, dos que voton o PP”.

Xa nas inmediacións do edificio central da Xunta en San Caetano, tomaron a palabra o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e o presidente do comité de empresa de Seaga en Pontevedra, Josafat Puente, quenes quixeron deixar claro que “non vai haber paz no Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) até que non se solucione a problemática laboral existente en Seaga”.

Ao mesmo tempo, os responsábeis sindicais aproveitaron para criticar a política forestal do Partido Popular, así como o dispositivo de extinción e loita contra os incendios. “O operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros”.

Xunto a isto, denunciaron as precarias condicións laborais e económicas que padece o persoal, ao ter contratos fixos-discontinuos dunha duración de tan só tres meses, o que non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin ás axudas de 400 euros.

Cambio de políticas

Por todo isto, demandaron un cambio nas políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores/as”.

Unha vez rematadas as intervencións, os asistentes á mobilización celebraron un xantar popular, tras o que iniciaron a instalación do campamento no que permanecerán 24 horas diarias até o vindeiro venres día 23 de setembro.

Algunhas das fotografías da mobilización