Uroloxía do CHUF incorpora o Láser Holmiun para a fragmentación dos cálculos do aparato urinario

Por o 19/04/2019 | Sección: Sanidad
Uroloxía do CHUF incorpora o Láser Holmiun para a fragmentación dos cálculos do aparato urinario

O Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorpora o Láser Holmiun de alta potencia (65 vatios), unha fonte de enerxía empregada principalmente para a fragmentación de cálculos urinarios. A Xerencia Integrada de Ferrol vén de adxudicar o arrendamento con opción a compra deste láser, incluíndo o seu mantemento e a subministración sucesiva das fibras necesarias para a realización das técnicas de tratamento da litiasis (pedras no ril) e algúns casos moi definidos de tumores do tracto urinario, e beneficiar así á poboación da área sanitaria ferrolá con esta nova incorporación, na que se investirán máis de 157.600 euros.

A endouroloxía é unha unidade da Uroloxía que consiste no acceso para o estudo e tratamento das patoloxías do tracto urinario superior (uréteres e ril) de forma retrógrada (indo dende a vexiga cara arriba polos uréteres) a través dos orificios naturais (uréteres), ou ben mediante o acceso renal percutáneo, anterógrado. Este acceso é por un orificio de cinco milímetros aproximadamente no costado, a través do que se accede para eliminar cálculos de gran tamaño, algúns incluso como o tamaño do propio ril.

Usos e vantaxes deste novo láser

A patoloxía más frecuente do tracto urinario superior que se trata con esta técnica é a litiasis, polo que a maior parte dos procedementos realizados sobre o tracto urinario superior mediante acceso endourolóxico están dirixidos a tratar cálculos urinarios. Na área sanitaria ferrolá trátanse uns 100 pacientes ó ano con cálculos urinarios. Na actualidade, o Servizo de Uroloxía emprega estes procedementos endourolóxicos no ámbito diagnóstico, e os pacientes con patoloxías subsidiarias de emprego do láser holmiun son tratados fundamentalmente por cirurxía laparoscópica.

A incorporación desta tecnoloxía permitirá realizar xa os procedementos terapéuticos, evitando a cirurxía aberta ou laparoscópica, ó dispor dun mecanismo de fragmentación dos cálculos como é este novo láser de alta potencia. Supón incorporar maior eficacia e seguridade ó proceso. Son dúas, entre outras, as grandes vantaxes, por unha banda, que é “o paradigma das técnicas minimamente invasivas” neste ámbito; e, por outra banda, que é “altamente resolutiva”, explica o responsable do Servizo de Uroloxía, o especialistas Andrés Rodríguez Alonso.

Realízase o tratamento coa mínima invasión xa que se empregan os orificios naturais, e non queda rastro da intervención; e, ademais, é tremendamente eficaz pois permite a eliminación da totalidade dos restos previamente fragmentados. A estas dúas vantaxes súmanse as inherentes a calquera técnica minimamente invasiva para o paciente, redución da estancia hospitalaria, minimización da necesidade de analxesia postoperatoria, ou rápida incorporación á vida social e laboral da persoa. “Pasamos en vinte anos de grandes incisións á ausencia de incisións”, enfatiza o responsable do Servizo.

Ademais da endouroloxía descrita, o láser holmium emprégase tamén para o tratamento dos cálculos vesicales, que agora se estaban a tratar con cirurxía aberta; e tamén é posible o seu emprego nunha porcentaxe de casos seleccionados de tumores de tracto urinario superior (uréteres e ril), segundo un determinado tamaño, localización ou características do tumor é posible este tratamento endourolóxico conservador sen necesidade de extirpar o ril.

Os especialistas do Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario xa se están  a formar para traballar con este láser en canto se incorpore tras esta adxudicación nas vindeiras semanas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.