Urxen verdadeiras políticas que protexan ás persoas en desemprego, a derrogación da reforma laboral e potenciar as políticas activas de emprego dende o eido público

O paro volve a subir en xaneiro, o que reflicte a estacionalidade do emprego en Galicia e a debilidade do mercado laboral
Por o 04/02/2019 | Sección: Emprego,Sindicatos,UGT
Urxen verdadeiras políticas que protexan ás persoas en desemprego, a derrogación da reforma laboral e potenciar as políticas activas de emprego dende o eido público
Os datos referidos ao paro rexistrado no mes de xaneiro amosan un aumento do desemprego; unha baixada de afiliacións á Seguridade Social; que as mulleres e os máis mozos seguen a ser os máis prexudicados en termos de desemprego; que o sector servizos acarrea en termos absolutos o incremento do paro, o que amosa a estacionalidade do mercado laboral galego; que a contratación indefinida non chega ao 10%; e que a cobertura por desemprego continúa baixo mínimos. Estas son as grandes eivas do mercado laboral galego, que se resumen en precariedade tanto do emprego como do desemprego, estacionalidade e brecha por razón de xénero.
Para UGT-Galicia, isto obriga a que os gobernos, tanto o galego como o central, adopten medidas xa. Primeiro, urxe a restitución dos dereitos dos traballadores coa derrogación da reforma laboral do ano 2012, que só conseguiu precarizar as condicións laborais e empobrecer cada vez máis á poboación deste país.
Ademais, resulta imprescindible potenciar as políticas activas de emprego dende o eido público, atendendo con maior urxencia ás persoas con maiores dificultades para acceder a un emprego de calidade, como son as persoas con discapacidade, os maiores de 55 anos, os mozos e as mulleres.
A precariedade no desemprego, coas baixas taxas de cobertura que se rexistran e a extensión do paro de longa duración, obrigan a poñer en marcha verdadeiras políticas de emprego que protexan ás persoas en desemprego vía prestacións, combinando axudas con medidas activas de emprego, de orientación, formación e inserción.
Así, os datos do paro rexistrado en Galicia amosan un incremento do mesmo no mes de xaneiro de 3,25 puntos (2,61 no resto do Estado). Comeza o ano con 174.800 persoas no paro, 5.505 máis que no mes anterior. Interanualmente o paro baixou nun 7,9%.
En relación á afiliación á Seguridade Social, tras sete meses con máis dun millón de cotizantes, o que amosaba unha certa sinal de recuperación do mercado laboral, volve a baixarse do millón de afiliados, concretamente, en xaneiro rexistráronse 992.370.
Por sexos, as mulleres seguen a ser as máis prexudicadas, ocupando o 57% do total do desemprego. 75.186 homes no paro, fronte a 99.614 mulleres. No mes o paro aumentou entre os homes nun 2,5% e un 3,9% no caso das mulleres.
Os máis mozos tamén son os máis prexudicados. Entre os menores de 25 anos o paro medrou en 4,8 puntos, por enriba do resto de idades.
EN TERMOS ABSOLUTOS, A TOTALIDADE DO DESEMPREGO DÁSE NO SECTOR SERVIZOS. ISTO INCIDE NA DEBILDIADE E ESTACIONALIDADE DO MERCADO LABORAL GALEGO 
A análise por sectores de actividade reflicte que o paro medra con maior contundencia no sector servizos, nun 4,9%. De feito, en termos absolutos a totalidade do incremento do paro dáse nos servizos, 5.537 persoas máis. Isto fai fincapé na debilidade e estacionalidade do mercado laboral galego que se sustenta no sector servizos. O paro tamén medrou no primario, nun 1,2%; mantense na construción e medra moi levemente na industria, o 0,1%.
En relación a hai un ano o descenso é acusado no conxunto de actividades, con porcentaxes moi elevadas na construción, o 18,2% de baixada; na industria, o 8,9%; e no colectivo de sen emprego anterior, onde baixa o 8,8%. Tamén diminúe, pero con menor intensidade, no sector servizos, o 6,3% e o 6,2% no primario.
En xaneiro fixéronse 82.401 contratos, unha cifra moi elevada para o mercado laboral galego que reflicte a alta rotación que se rexistra nesta Comunidade, o que esconde detrás unha alta precariedade na contratación. Ademais, a contratación indefinida tan só representa o 9,95% do total.
A precariedade tamén chega ao desemprego, cunha taxa de cobertura do 57,4%, fronte ao 60,4% estatal. Quedando fóra do sistema 80.212 persoas, tanto tendo en contra aos que teñen dereito a prestación como os que non o xeraron previamente. Pero é que dos que teñen cobertura, un total de 89.083, tan só o 47,5% acceden a unha prestación de carácter contributivo. No resto dos casos son asistenciais, co que supón isto en materia de contías e, polo tanto, máis precariedade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.