O uso de vivendas abandonadas por sen teito ten que ver ao escaso albergue municipal para Marea de Vigo

Marga L. Barreiro: “É preciso afrontar xa esta realidade dende Servizos Sociais do Concello, isto non se soluciona cun albergue temporal e cunha limitación de prazas. Non se debe demorar máis no tempo, tendo en conta ademais que o problema agudízase para moitas persoas nos meses de outono e inverno coa chegada do frío”.
Por o 18/09/2017 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
O uso de vivendas abandonadas por sen teito ten que ver ao escaso albergue municipal para Marea de Vigo

O lume orixinado esta fin de semana nun edificio abandonado de López de Neira ten que poñer de manifesto e visibilizar un problema en aumento na cidade, o das persoas que pasado o máximo de 10 días seguidos que permite o actual albergue municipal xa non teñen alternativas, unha vez practicamente liquidado o albergue de Teis e coa desaparición do albergue “Dignidad” no Calvario.

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo lembra que “na nosa cidade está a incrementarse exponencialmente a pobreza e a exclusión social. Somos xa a cidade galega onde se detecta o maior aumento de solicitudes da RISGA nos pasados anos, triplicándose dende o inicio da crise.”

Este feito, unido as evidentes limitacións de tempo, prazas e horarios do albergue municipal, fan que moitas persoas en situación de rúa empreguen edificios abandonados da cidade, sen condicións de habitabilidade e sen outra opción dequentarse ou cociñar que empregar fogueiras, co risco que supón en inmobles vellos, con moito material construtivo inflamable e co acceso para os bombeiros moi dificultoso en caso de incidente.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo xa ten pedido no Pleno a necesidade de poñer a vontade, colaboración e ferramentas necesarias para poder afrontar a realidade do xeito máis eficiente. Estamos a falar da vida das persoas, polo que este traballo debe ser prioritario dentro das responsabilidades a desenvolver no noso Concello.

No pasado pleno do mes de Abril, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presentaba unha moción para dotar a Vigo dun Plan Local contra a Pobreza, onde se contiñan unha serie de medidas para mellorar a vida das persoas en situación de exclusión, evitar a situación de rúa e desamparo e polo tanto, traballar en parello para reducir a pobreza. Esta moción foi rexeitada ao contar cos votos en contra do PSdG-PSOE, mais Marea de Vigo segue pensando e insiste na necesidade da adopción de medidas desde o ámbito municipal, medidas que poderían partir da premisa establecida nos Obxectivos Comúns da UE contra a pobreza e a exclusión social (2001/C 82/02).

“O fomento da participación e o acceso aos recursos, a creación de espazos de coordinación e traballo técnico en torno á loita contra a pobreza, xunto coa dotación orzamentaria necesaria para as axudas de emerxencia e a ampliación destas, son factores fundamentais á hora de afrontar esta realidade” explica Marga L. Barreiro, facendo fincapé na “necesidade de realizar un estudio diagnóstico para establecer un mapa das entidades sociais que traballan no ámbito da pobreza e exclusión social, para poñer en valor e orde as accións que están realizando as entidades sociais, colectivos e grupos de cidadás/ans da nosa cidade, fundamentais para o óptimo desenvolvemento do traballo que se realice neste eido”.