Uxío Benítez anuncia a convocatoria do “Plan camiña á escola”

Estará destinado á creación de espazos seguros na contorna de centros escolares situados nas inmediacións das estradas provinciais
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Uxío Benítez anuncia a convocatoria do “Plan camiña á escola”

“Nas vindeiras semanas faremos pública unha nova convocatoria para que os concellos da provincia poidan seguir avanzando en materia de seguranza en contornas escolares” anunciou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, durante a posta en común de proxectos no grupo de traballo no que participou esta mañá, no marco do III Encontro da Rede Nacional de Cidades das Nenas e dos Nenos que está tendo lugar en Huesca. Segundo explicou o deputado nacionalista durante a súa intervención “este ‘Plan camiña á escola’ virá complementar outras accións en materia de seguranza e mobilidade sustentable que xa se puxeron en marcha durante os últimos anos desde o Goberno provincial, como son o Plan Móvese e os Plans de Mobilidade sustentable”. O deputado nacionalista participou nun grupo de traballo centrado na Mobilidade, onde explicou polo miúdo todas as actuación que vén realizando desde o seu departamento para estender por toda a provincia a filosofía do psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, baseada en deseñar espazos seguros e á medida das nenas e dos nenos. Sobre a convocatoria do ‘Plan camiña á escola’, o deputado nacionalista xa lle avanzou aos representantes dos concellos pontevedreses que participan no Encontro, que o vindeiro 11 de abril terá lugar unha xornada específica na Deputación de Pontevedra para dar a coñecer os detalles.

Hai que lembrar que neste encontro está a participar unha delegación pontevedresa formada por membros do Goberno provincial e por representantes dos concellos de Pontevedra, Tomiño, Ponteareas, Cambados, O Grove, A Guarda, Salceda de Caselas, Lalín e Ribadumia. A representación pontevedresa tamén tivo un gran protagonismo no comezo desta segunda xornada do Encontro. O propio Francesco Tonucci no seu relatorio marco, titulado ‘A transversalidade do proxecto da cidade dos nenos e as nenas nas políticas públicas’, fixo continuas referencias ao modelo urbano de Pontevedra e a como a filosofía aplicada no deseño dos espazos públicos da cidade da capital se está estendendo ao resto da provincia. Entre este relatorio de apertura e as sesións dos grupos de traballo, a Rede Estatal mantivo unha xuntanza interna para decidir o lugar de celebración do vindeiro encontro, resultando elixida Fuerteventura coa maioría dos votos. Será o IV Encontro da Rede Estatal e terá lugar a comezos de 2019.

A sesión desta mañá tamén incluíu unha mesa redonda sobre ‘A participación infantil presente e transversal en todas as políticas públicas’, na que interviñeron Chiara Belingardi (urbanismo), Carlos Pardo (saúde), Daniel Macenlle (mobilidade), Francisco Bergua (medio ambiente) e Mar Romera (escola), seguida dos correspondentes grupos de traballo. Pola tarde, despois das conclusión e posta en común dos citados grupos de traballo, o encontro finalizará cunha conferencia aberta ao público de Francesco Tonucci sobre “A autonomía dos nenos, un dereito e necesidade para eles e un recurso para a escola e a cidade”, á que asistirá toda a delegación pontevedresa.

Hai que lembrar que a delegación da provincia de Pontevedra é a máis numerosa das que asisten a este III Encontro e que está conformada polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, pola deputada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, pola deputada de Deportes, Chelo Besada, o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o alcalde e a concelleira de Educación da Guarda, Antonio Lomba e M.ª Elena Baz, as concelleiras de Benestar e de Ensino de Ponteareas, Verónica Carrera e Cristina Fernández, a concelleira de Cultura de Salceda de Caselas, Teresa Pérez, a concelleira de Infraestruturas do Grove, M.ª Ángeles Domínguez, o tenente de alcalde e a concelleira de Cultura de Lalín, Nicolás González e Lara Rodríguez, o concelleiro de Educación de Ribadumia, Enrique Oubiña, o técnico de urbanismo de Cambados, Antonio José Espinosa, e o policía local de Pontevedra, Jesús Javier Cal.