Uxío Benítez anuncia a mellora do cruce que dá acceso á igrexa do valado en Pazos de Borbén

A actuación, para aumentar a visibilidade, ten un orzamento de 85.506 euros e estará rematada na primavera.
Publicado por o día 11/11/2016 na sección de Deputación de Pontevedra,Pontevedra,Vigo

Uxío Benítez anuncia a mellora do cruce que dá acceso á igrexa do valado en Pazos de Borbén

O deputado de Mobilidade comprometeuse a realizar un estudo de reforma integral para toda a vía dado o elevado tránsito de vehículos que soporta.

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe a mellora do cruce da estrada provincial EP-2702 coa vía municipal que leva á igrexa do Valado en Pazos de Borbén. Segundo dixo, o obxectivo é aumentar a seguranza viaria e a visibilidade na intersección, onde se teñen producido varios accidentes de tráfico. A actuación permitirá unha mellor visibilidade, xa que se ampliará a superficie da vía en ambas marxes, crearase un carril de espera e instalaranse dous redutores de velocidade -que quedará limitada a 30 qm/h-. Así mesmo, Benítez tamén se comprometeu a realizar un estudo de mellora integral para toda a lonxitude da estrada, moi transitada por coches e camións.

O responsable de Mobilidade confirmoulle hoxe estas actuacións ao alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias Rodríguez, nunha visita ao cruce da EP-2702 entre Amoedo-Os Valos. O acondicionamento da zona é necesario, segundo recoñeceu Benítez, debido a que o entronque actual non ofrece unha axeitada visibilidade na saída ao camiño municipal, que se ve agravada ao non existir un carril de espera. Así, o proxecto recolle a necesidade de aumentar o radio de xiro e a instalación do carril de espera no corpo central da EP-2702 e dunha vía para a incorporación dos vehículos que fan stop no camiño de titularidade municipal.

Segundo explicou Benítez, incrementarase a superficie da estrada en todo o cruce, para o que será necesario ocupar dúas parcelas privadas. Realizarase un desmonte de terreo e construirase un muro de contención na marxe esquerda, mentres que na contraria crearase unha base de explanada. Así mesmo, solucionaranse as drenaxes mediante a remodelación de cunetas e pintarase nova sinalización horizontal e vertical.

Debido á perigosidade da zona colocaranse dous redutores físicos de velocidade en cada extremo do ámbito de actuación, que terá unha limitación específica de velocidade de 30 quilómetros por hora.

O orzamento da actuación ascende a 85.506,67 euros e, segundo asegurou Benítez, agárdase que as obras estean finalizadas na primavera. O proxecto está xa redactado e a obtención dos terreos aprobarase no Pleno da Deputación do mes de novembro. A tramitación realizarase por vía de urxencia, polo que a contratación poderá estar resolta en apenas semanas.

Na reunión co alcalde estivo tamén presente o presidente da asociación de veciños do Carme de Nespereira, José Manuel González, quen agradeceu o proxecto ao deputado, xa que era unha antiga demanda da veciñanza que agora obtén resposta. Segundo indicou González Míguez, a necesidade de actuar no cruce está xustificada polo alto tránsito de vehículos non só dos veciños da zona, senón de toda a veciñanza da parroquia e do Concello para ir á igrexa de Nespereira e ao camposanto. “Houbo un veciño que tivo un accidente no cruce e que insistiu ata que se colocaron dous espellos para mellorar a visibilidade. Iso non era suficiente”, subliñou.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, tamén anunciou ao alcalde a redacción dun estudo de mellora integral para toda a estrada EP-2702 debido ao alto tránsito de vehículos que soporta. De feito, son moitos os camións que pasan cara ao polígono industrial para evitar Redondela, así como moitos particulares os que acceden a Vigo e Peinador a través da vía.

Sinalización Horizontal

Por outra banda, Benítez tamén confirmou ao rexedor que todas as estradas provinciais de Pazos de Borbén están recollidas no Plan de mellora da sinalización horizontal da provincia, que ascende a un montante global de 1,7 millóns de euros. Pintaranse as vías que non tiñan marcas viarias e renovarase o pintado das que están en mal estado (liñas lonxitudinais, zonas de aparcamento, illotes, cebreados e pasos peonís…) tan pronto as condicións climatolóxicas o permitan. “A nosa principal preocupación é a seguranza viaria e tan pronto entramos no goberno, os técnicos trasladáronnos a existencia dunha débeda histórica que había que solventar en toda a provincia en canto á sinalización horizontal”, dixo o responsable de Mobilidade.

En concreto, a actuación de pintado levarase áEP-2701 Pazos-Hermida, á EP-2702 Amoedo-Os Valos, á EP-2703 Pazos-Ponteareas, á EP-2704 Sequeiros-Cuartos de Borbén e á Ep-2705 Pazos-Borbén. En total serán 35,8 quilómetros de sinalización horizontal nunha actuación orzamentada en case 6.000 euros.