Uxío Benítez anuncia un proxecto para mellorar mobilidade peonil en Queimadelos, Mondariz

O deputado de Mobilidade explica que na estrada provincial EP- 4303 crearase unha nova praza de pedra diante da axencia de lectura e instalaranse redutores de velocidade para aumentar a seguranza viaria.
Publicado por o día 22/09/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Mondariz

Uxío Benítez anuncia un proxecto para mellorar mobilidade peonil en Queimadelos, Mondariz

A Deputación de Pontevedra realizará unha actuación de mellora da mobilidade peonil na Entidade Local de Queimadelos, dentro do concello de Mondariz. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, vén de anunciar que se actuará na estrada provincial EP-4303 Mondariz-Meirol coa creación dunha nova praza de pedra diante da Axencia de lectura e Área de informática. Así mesmo, e coa intención de mellorar a seguridade peonil nun punto conflitivo con presenza habitual de crianzas e persoas maiores, instalaranse redutores físicos de velocidade.

Segundo explicou o deputado Benítez, esta actuación foi redactada polos servizos técnicos provinciais co fin de facer na zona de actuación unha replanificación profunda e conceptual da mobilidade e seguranza viaria na zona, con especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. O nacionalista visitou in situ a Entidade menor de Queimadelos para coñecer os problemas, convidado hai varios meses polo alcalde pedáneo Manuel Portas, con quen xa tivera tamén un encontro para falar da situación da estrada provincial.

As obras proxectadas supoñen a creación dunha zona de prioridade peonil e de convivencia cos vehículos. Retirarase o asfalto actual e substituirase por un enlousado de pedra, creando unha praza duns 250 metros cadrados diante da Axencia de lectura e Área de informática. Para facer a praza, nun espazo de centralidade na entidade menor polas diferentes actividades que se organizan na casa social e que atraen a grande parte da veciñanza, aproveitarase un sobreancho existente na estrada xunto a diversa vexetación e unha fonte.

A praza quedará elevada dez centímetros con respecto á cota do firme actual, salvando a nova rasante do pavimento con dúas ramplas de entrada e saída á zona de convivencia que exercen de redutores de velocidade de vehículos na entrada e saída. A maiores, realizaranse outros dous redutores de velocidade máis uns metros antes e despois da praza, buscando calmar o tráfico e mellorando así a seguranza viaria e peonil na zona de actuación.

En canto á sinalización, instalaranse as correspondentes marcas viarias para marcar a velocidade máxima e o anuncio dos novos redutores de velocidade. Tamén se aproveitarán as sinais verticais existentes no paso de peóns actual diante da Axencia de lectura, que se colocarán noutro paso próximo sen ningún tipo de sinalización na actualidade.

A maiores, colocaranse doce metros de barreira de seguridade metálica simple, de aceiro galvanizado como prevención ante o desnivel no lateral da Axencia de lectura na intersección da estrada EP-4303 cunha vía de baixada.

A actuación conta cun orzamento de licitación de 57.523,92 euros.