Uxío Benítez: “A DXT califica o Plan Móvese como experiencia de referencia en seguranza viaria pola nosa visión novidosa para reducir a accidentalidade”

O deputado de Mobilidade explicará en Madrid a proposta da Deputación de Pontevedra para calmar o tráfico nas vías provinciais mediante redutores físicos de velocidade.
Por o 06/10/2016 | Sección: Deputación de Pontevedra,Vigo
Uxío Benítez: “A DXT califica o Plan Móvese como experiencia de referencia en seguranza viaria pola nosa visión novidosa para reducir a accidentalidade”
Compartir en:

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Dirección Xeral de Tráfico vén de seleccionar o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Segura) da Deputación de Pontevedra como “experiencia de referencia” sobre seguranza viaria. O plan, que recolle medidas de calmado do tráfico mediante redutores físicos de velocidade, será presentado na xornada sobre ‘Tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade’ que se celebrará en Madrid o 17 de outubro da man do propio deputado e o asesor e a enxeñeira do departamento de Mobilidade provincial, Jesús Fole e Noemí Romero.

O responsable provincial sinalou que a DXT considerou o Plan Móvese como unha proposta novidosa para reducir a accidentalidade: “É o primeiro recoñecemento ao traballo que estamos a facer dende o novo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra e estamos satisfeitos porque, aínda non tendo executada ningunha grande obra, recoñecen que a nosa filosofía de actuación é salientable. Chamoulles a atención o énfase que nós facemos en sacar adiante un plan de acción de seguranza viaria para as nosas vías provinciais con propostas moi concretas de actuación”, subliñou.

Benítez destacou que a seguranza viaria é o eixo fundamental que marcará todas as actuacións dos vindeiros tres anos nos 1.700 quilómetros do sistema viario da DEPO, que cualificou como moi particular e problemático pola súa alta accidentalidade. De feito sinalou os pontevedreses pagan dos seguros máis altos do estado. Ademais, o deputado puxo sobre a mesa a gran dispersión de poboación na provincia, que fai que os espazos de convivencia entre os coches e as persoas sexan moito máis amplos que noutras zonas do estado. “As nosas características fan que teñamos que aplicar medidas máis incisivas que outras administracións. Temos que dar solucións porque seriamos neglixentes se non actuaramos, e entendemos que a seguranza viaria só pode chegar da man do calmado do tráfico, que claramente reduce o número de accidentes mortais e a gravidade dos feridos nos sinistros”, asegurou.

Neste sentido, o deputado incidiu na clara aposta polos redutores físicos de velocidade e os pasos de peóns sobreelevados como a fórmula máis axeitada a aplicar. “O Plan Móvese foi debatido cos concellos e foron estes quen trasladou os puntos das estradas provinciais nos que era necesario actuar”, explicou, para sinalar que nas vindeiras semanas se presentarán as actuacións concretas que se executarán en cada municipio.

Pola súa banda, o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, subliñou que a xornada da DXT sobre travesías pretende analizar o concepto de vía na que conviven os tránsitos urbanos e os peonís e destacou a grande preocupación que “debe haber nas institucións porque son as vías con máis número de accidentes”.

Fole asegurou que en todo o estado hai contabilizados 1.000 quilómetros de travesías e que só na provincia de Pontevedra hai xa 300 quilómetros de estradas en solo urbano.

“A realidade é que coa nosa cantidade de parroquias e lugares, se facemos un traballo de campo esa cifra oficial podería duplicarse, polo que hai que abordar o tema da seguranza viaria dun xeito serio”, asegurou, para engadir que a Deputación de Pontevedra ten un principio claro: que é preciso aplicar mecanismos físicos para controlar velocidades e que de ningún xeito se deben admitir máis de 30 quilómetros hora. “Estamos salvando vidas humanas”, asegurou.

A xornada sobre a ‘Estratexia T. O tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade’ desenvolverase en Madrid o vindeiro 17 de outubro e contará tamén coa participación de representantes da Deputación de Barcelona, Generalitat Valenciana, Donostia, Guipuxkoa, Castela e León e Murcia. Logo da presentación das experiencias de referencia, na sesión de traballo por grupos debatirase sobre os conceptos de travesía na lexislación de seguranza viaria e de estradas e a necesidade de mantelos, facelos converxer ou substituílos.

Así mesmo, falarase sobre os tratamentos das travesías e os elementos redutores de velocidade, sobre como xerar un corpo común de coñecemento e experiencias e como xerar recomendacións técnicas para rúas e estradas locais. Finalmente poñerase sobre a mesa o debate sobre a accesibilidade nas travesías.