Uxío Benítez: “Os enxeñeiros son fundamentais para recuperar o espazo público e permitir unha maior calidade de vida”

O deputado nacionalista deu a coñecer hoxe a Estratexia 3.0 de Mobilidade da Deputación no VII Encontro Galicia-Norte de Portugal de Enxeñeiría Civil e Territorio.
Por o 20/10/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo
Uxío Benítez: “Os enxeñeiros son fundamentais para recuperar o espazo público e permitir unha maior calidade de vida”
Compartir en:

“Recuperar o espazo público para as persoas é a prioridade para nós na Deputación de Pontevedra, e os enxeñeiros son fundamentais para recuperar ese espazo público e permitir unha maior calidade de vida á cidadanía”. Así o manifestou hoxe o deputado de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez no VII Encontro Galiza-Norte de Portugal de Enxeñería Civil e Territorio que reúne hoxe en Vigo a numerosos técnicos galegos e lusos. O nacionalista participou como relator dentro do apartado ‘O espazo público cidadán’ e expuxo o traballo de mobilidade sustentable que está a desenvolver a institución provincial e que está recollido na Estratexia 3.0.

Benítez explicou que a día de hoxe a maior parte do espazo público nas vilas e cidades da provincia está destinado (nun 80%) aos vehículos, tanto para circular como para estacionar, cando na realidade os principais usuarios das vías e espazos deben ser as persoas. Asegurou que “todos somos peóns”, polo que é fundamental que as administración aposten por mobilidades sustentables no deseño do territorio para inverter a situación. “Os políticos temos que ter claro que os espazos públicos deben ser considerados como dereitos fundamentais dos cidadáns, á mesma altura que a Sanidade e a Educación, e sempre debemos estar asesorados pola figura dos enxeñeiros, que é fundamental para deseñar ámbitos de convivencia co coche que funcionen”, insistiu.

O responsable de Mobilidade explicou que nestes momentos a Deputación está a traballar na redacción dunha guía con solucións prácticas de Mobilidade amable na que se recollerán experiencias e solucións aplicadas tanto pola propia insitución provincial como por concellos da provincia para recuperar espazos e fomentar a seguranza viaria “que están a ser referente de xeito internacional”. Destacou que a guía suporá un desenvolvemento da actual ordenanza provincial de seguridade viaria aprobada no 2013 e que se porá a disposición doutras administracións e dos técnicos interesados.

Neste sentido, varios enxeñeiros da Ordem da Região Norte de Portugal presentes no encontro manifestaron o seu interese en que a Deputación dea a coñecer a súa política de Mobilidade sustentable no país veciño, principalmente na cidade de Porto.

Plan Móvese

Por outra banda, Benítez quixo lembrar que a Deputación rematará nas vindeiras semanas a instalación dos redutores de velocidade do Plan Móvese nas estradas provinciais, que teñen como obxectivo calmar o tráfico para permitir unha maior seguridade. Destacou que este plan está a supoñer un grande éxito polos case 600 elementos instalados, así como de receptividade por parte de concellos e veciñanza, que reclaman máis actuacións. O nacionalista tamén destacou que o MÓVESE vén de ser recoñecido tanto pola Dirección Xeral de Tráfico como polo Instituto Vial Iberoamericano como unha ‘boa práctica’ para reducir a violencia viaria sobre os colectivos máis vulnerables.

O deputado destacou que os elementos redutores de velocidade como os do MÓVESE “salvan vidas” posto que son a única medida efectiva para que os coches vaian máis amodo, xa que obrigan fisicamente a frear aos vehículos para non bater neles. “Os radares e as multas poden conseguir recadar cartos, pero non evitan feridos. Nun accidente a 30 quilómetros hora apenas hai danos de consideración para os peóns implicados, e cando a velocidade sube a máis de 50 o risco de lesións graves ou morte é do 90%. Sabendo iso, é evidente que temos que actuar dende as administracións cos medios máis eficientes posibles para calmar o tráfico”, finalizou.

Uxío Benítez participou neste encontro organizado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia e a Ordem dos Engenheiros Região Norte de Portugal, na mesa de debate sobre ‘O espazo público cidadán’ xunto co expresidente da SRU Porto Vivo, Álvaro Santos; co representante da Câmara municipal de Guimaraes, Ricardo Rodrigues; e o profesor titular da Universidade da Coruña, Carlos Nárdiz Ortiz.