Uxío Benítez: “Queremos converter Ponteareas en exemplo de mobilidade sustentable”

O deputado de Mobilidade anunciou o inicio do Estudo de Mobilidade de Ponteareas, que será financiado integramente pola Deputación de Pontevedra e estará finalizado en febreiro.
Publicado por o día 13/10/2016 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Uxío Benítez: “Queremos converter Ponteareas en exemplo de mobilidade sustentable”

O estudo marcará as directrices para investir os fondos europeos Edusi obtidos polo Concello

“Queremos converter Ponteareas nun exemplo de mobilidade sustentable”. Así de claro foi hoxe o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, na presentación do Estudo de Mobilidade que financiará a Deputación e deseñará os criterios de actuación en materia de mobilidade que debe seguir o goberno local de Ponteareas para crear un medio máis amable para os seus veciños e veciñas. Este plan de mobilidade sustentable, de feito, marcará as directrices para investir os cinco millóns de euros de fondos europeos obtidos polo Concello no programa Edusi.

“Este estudo pretende dar unha visión global, estratéxica, e a longo prazo da mobilidade en Ponteareas e marcará as pautas de actuacións concretas, priorizándoas para deseñar espazos públicos funcionais e de convivencia. Será o deseño do futuro do Concello”, explicou Benítez.

O deputado asegurou que os espazos públicos deben entenderse “como o noso hábitat” e ser recuperados para uso das persoas e, fundamentalmente, para os colectivos vulnerables como os nenos e nenas, ciclistas ou discapacitados. “A Axenda 2020 da UE aposta por esa vía : por deseñar a mobilidade de xeito máis sustentable, por fomentar as mobilidades peonís e ciclistas por riba do vehículo privado”, dixo, para aclarar que o Estudo de Mobilidade da Deputación marcará as pautas sobre futuras direccións de rúas, peatonalizacións, deseño de bolsas de estacionamento e actuacións de reforma urbana, entre outras cuestións. “Non se deben tomar decisións sen ter unha visión global das necesidades tanto dos veciños e veciñas que viven no centro como daqueles que chegan das parroquias”, destacou.

O Estudo de Mobilidade será elaborado por un equipo multidisciplinar de técnicos (arquitectos, enxeñeiros e sociólogos) que realizarán un traballo de campo: estudarán os desprazamentos peonís e motorizados mediante conteos e analizarán os núcleos de centralidade e os equipamentos que xeran os principais movementos. A partir de aí buscarase a complicidade de todos os axentes sociais e grupos políticos, cos que se manterán reunións periódicas, para chegar a un traballo consensuado sobre as diferentes necesidades. A intención é acadar un apoio social e político maioritario para que o Estudo de Mobilidade sexa aprobado en Pleno “se pode ser con unanimidade para que non quede no caixón”, destacou Benítez.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, sinalou, pola súa banda, que “somos conscientes de que o espazo público está conformado por moitos intereses que hai que conciliar, polo que hai que ter en conta as necesidades dos servizos, do comercio, e dos veciños de dentro e fóra do núcleo para deseñar unha accesibilidade que sexa axeitada para todos”. No centro de Ponteareas hai uns 12.000 veciños e veciñas e outros 10.000 fóra, lembrou Represas, polo que é fundamental “ver como utilizamos e deseñamos os espazos o mellor posible con este estudo, que é rigoroso e feito por técnicos e que nos vai poñer os datos enriba da mesa”, salientou.

Finalmente, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez destacou que a Deputación de Pontevedra, ao financiar estudos de mobilidade aos concellos da provincia está a desenvolver unha filosofía que aposta pola mobilidade sustentable. “Parte da nosa estratexia é ofrecer o asesoramento aos concellos, por iso poñemos os nosos medios técnicos ao seu servizo. Hoxe comezamos a redacción deste novo estudo en Ponteareas para poñer ás persoas por riba de todo”, subliñou.

Como exemplo das políticas da nova Deputación, Benítez lembrou o traballo que se está a facer para crear una rede de cidades amigas dos nenos e nenas na provincia seguindo o modelo de Francesco Tonucci. Destacou que Ponteareas xa está adherida a esa rede e insistiu na necesidade de seguir traballando para recuperar as rúas para os pequenos e pequenas: “temos que crear espazos seguros de convivencia, aumentar a seguranza viaria e crear camiños escolares para que os nenos poidan ir sos camiñando ao colexio, porque os nenos están a ser os grandes abandonados ao deseñar os espazos públicos. Temos que conseguir que os nenos poidan xogar na rúa seguros, e esa será unha demostración de que se está a traballar ben”.

Na presentación do Estudo de Mobilidade da Deputación provincial estiveron presentes o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, xunto co alcalde Xosé Represas e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote. Ao acto estaban convidados todos os grupos municipais, que aclararon algunhas dúbidas sobre o traballo. En vindeiras datas o equipo redactor do estudo, o mesmo que elaborou a proposta que obtivo os fondos Edusi, establecerá un cronograma de reunións tanto cos membros da Corporación como con colectivos sociais.