A delegación da AECT Río Miño que se atopa de visita institucional en Bruxelas reuniuse hoxe con Dirección Xeral de Emprego, Asuntos sociais e Inclusión da Comisión Europea. Durante a xuntanza tratáronse diferentes cuestións relacionadas co financiamento de programas sociais e a comitiva tivo a oportunidade de reunirse conxuntamente cos representantes das Unidades Territoriais de España e Portugal, por petición expresa da AECT.
Durante o encontro, o director da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, puxo de manifesto a necesidade de contar cun maior financiamento para programas sociais de carácter transfronteirizo que permitan, por unha banda, poñer en marcha iniciativas destinadas á empregabilidade da xuventude, e por outra, tratar o problema do avellentamento da poboación nos concellos da fronteira, con iniciativas dirixidas á atención e mellora da calidade de vida das persoas maiores. Do mesmo xeito, Benítez sinalou a importancia de poñer en marcha programas de fixación da poboación nova mediante o apoio a iniciativas transfronteirizas. “Os programas do Fondo Social Europeo, como o Erasmus ou Programa Europeo de Emprego e Innovación Social (EaSI), deben ser utilizados para a fixación da poboación xuvenil da fronteira”, apuntou.
Por último, a delegación acompañou aos representantes dos concellos de Tomiño, A Guarda e Melgaço, que asistiron a unha xuntanza da iniciativa do Pacto polos Alcaldes, movemento europeo no que participan máis dun millar de autoridades locais e rexionais que asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética e utilizar fontes de enerxía renovable nos seus territorios, propóndose superar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 20% as emisións de CO2 antes do 2020.
Na axenda de mañá están previstos varios encontros con diferentes representantes da DG Regio e do Comité das Rexións e da Comisión de Cooperación Territorial do Parlamento Europeo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.