O Val Miñor, escenario natural para a rodaxe dunha ‘road movie’ do alumnado de Comunicación Audiovisual

Gravarán a curta ao longo da semana en Tomiño, Oia, Nigrán e Baiona
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Cultura,Galicia,Universidade de Vigo

O Val Miñor, escenario natural para a rodaxe dunha ‘road movie’ do alumnado de Comunicación Audiovisual
As estradas, os areais, os montes e as paisaxes naturais dos concellos de Tomiño, Oia, Nigrán e Baiona son ao longo desta semana o escenario para a rodaxe dunha curtametraxe dun grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra. Dende onte domingo e ata o venres doce alumnos e alumnas xunto con catro actores e estudantes da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) percorren as praias de Baiona, a serra da Groba ou San Xiao para rodar as imaxes dunha curtametraxe de 18 minutos titulada Van. Esta produción enmárcase no Taller Audiovisual do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que forma parte da oferta de Extensión Universitaria do campus de Ourense para o verán organizado en colaboración coa Fundación Carlos Casares.

A curtametraxe está dirixida polas alumnas Claudia Alonso e Cristina Burgos, e producida por Cecilia Gil e Laura Pena, e conta coa produción executiva de Paulino Pérez, profesor de Comunicación Audiovisual, que explica que “estes estudantes levan dende o mes de marzo desenvolvendo o guión e a pre-produción”. Durante esta semana percorrerán estes concellos nunha furgoneta “que será o elemento de cohesión da vida dos dous protagonistas” tratando ao mesmo tempo de aproveitar o “valor paisaxístico” desta zona.

Van, o Val Miñor percorrido nunha furgoneta

Van conta a historia de Unai e Gabi, dous amigos que emprenden unha viaxe inesperada na súa inseparable furgoneta, percorrido durante o cal se atoparán con outros viaxeiros “que cambiarán as súas perspectivas e os axudarán a superar os seus conflitos”, como explica o profesor Paulino Pérez. A curta estase a rodar en 4K, un formato de ultra alta definición, que este equipo emprega por primeira vez mentres “se despraza por diferentes zonas” da xeografía do sur de Galicia. O formato de ‘road movie’ é tamén unha novidade nesta edición do obradoiro, xa que como explica o docente “adoitamos variar, dende a mediometraxe con Vento Ferido, a webseries e algunhas curtas”.

Pero esta non é a única novidade desta edición do obradoiro, xa que como explica Paulino Pérez, plantexaron “unha produción máis complexa e máis próxima a unha contorna profesional con seis días de rodaxe e con persoas de diferentes cursos, potenciando así o traballo en equipo e a asunción de responsabilidades”. Ademais, despois de sete anos rodando en Celanova, onde se celebra o curso, nesta edición e aproveitando que o xénero escollido é unha ‘road movie’ que conta a historia dunha viaxe do interior á costa, decidiuse buscar novas localizacións.

O proxecto, ademais da implicación da Universidade e da Fundación Carlos Casares, conta co apoio de Agadic e a colaboración de GMProvideo e o Concello de Nigrán.