Valentín García destaca o compromiso coa lingua galega de Úrsula Heinze na presentación do seu libro ‘Flashes’

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na presentación da última achega literaria da escritora alemá afincada en Galicia
Publicado por o día 16/07/2020 na sección de Cultura

Valentín García destaca o compromiso coa lingua galega de Úrsula Heinze na presentación do seu libro ‘Flashes’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe á escritora alemá afincada en Galicia Úrsula Heinze na presentación do seu último libro, Flashes, que tivo lugar no Pazo de San Roque.

Durante o transcurso do acto, o representante da Xunta de Galicia gabou a traxectoria de Úrsula Heinze, que “naceu alemá, pero que hoxe é xa tamén galega polo seu compromiso coa lingua do noso país, que empregou en innumerables obras literarias ao longo da súa vida, dándonos exemplo de compromiso coa nosa cultura”. Ademais, en relación a Flashes, Valentín García quixo destacar “o humor retranqueiro, case diría que galego de pura cepa, que caracteriza as súas prosas áxiles e divertidas”.

Ademais do secretario xeral de Política Lingüística, participaron na presentación de Flashes a propia Úrsula Heinze e o secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Armando Requeixo.

Escritora en lingua galega

Úrsula Heinze (Colonia, 1941) é unha escritora de orixe alemá afincada en Galicia desde 1977. Traduciu obras de diferentes autores alemáns ao galego e é creadora de narrativa infantil e para adultos na lingua de Rosalía. Ademais, tamén é membro fundador do PEN Clube de Galicia, que presidiu entre 1991 e 1995, recibiu numerosos premios, como o Merlín de literatura infantil (1986), o Blanco Amor de novela (1993), o Losada Diéguez (1994) ou a Medalla Castelao (2013).

A súa última achega literaria, Flashes, publicada por Edicións Fervenza, reúne case duascentas prosas breves en que a autora rememora con humor crítico diferentes instantes e incidentes da súa vida. Son, en palabras da propia Úrsula Heinze, “vivencias verdadeiras”, “os flashes iluminan distintas épocas do meu mundo e describen ambientes e persoas que me acompañaron ou que aínda hoxe están ao meu carón”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.