Valoración da asemblea da Plataforma Antilindano A Louriña

Por o 27/01/2018 | Sección: Plataforma Anti-lindano da Louriña,Social
Valoración da asemblea da Plataforma Antilindano A Louriña
Compartir en:

Na asemblea celebrada onte, venres 26 de xaneiro, fixemos un repaso da cronoloxía da contaminación por lindano no Porriño e Mos. Constatamos como dende o ano 2001 ,coa inauguración do parque do lindano, en Torneiros non se moveu un dedo por parte de ningunha administración. A veciñanza dos polígonos de vivendas de protección oficial seguen nunha situación de desamparo total e a mesma percepción ten a xente do Contrasto.

Esta semana iniciouse a toma de mostras para trazar un proxecto de descontaminación no Contrasto, vecinos e veciñas enteráronse polos medios de comunicación. Testemuños directos e comprobación in situ por persoas da Plataforma, dan fe da falta de seguridade e protección tanto para elas como para o persoal das empresas que traballan nas catas desa zona. Colectores de terra ao descuberto, trozos de lindano en bolsas de plástico abertas enriba dunha excavadora, falta de equipos de protección individual para os/as traballadores/as. Púxose en coñecemento do SEPRONA taparon o colector.

Tanto a veciñanza do Contrasto como dos polígonos da Ribeira quéixanse da situación de abandono por parte do Concello e botan en falla que a primeira Administración que debería ollar pola súa xente actúe descoordinadamente e oculte información.

Esiximos a posta en marcha dun protocolo de atención sanitaria para toda a poboación exposta. Sabemos xa que hai varias zonas contaminadas e é preciso comezar a traballar inmediatamente con esta xente. Queremos que se poñan enriba da mesa os recursos precisos facer efectivas as medidas aprobadas por unanimidade no Parlamento de Galicia esta mesma semana.

Entedemos que unha descontaminación real pasa por un plan que incentive a colaboración das persoas propietarias de terreos privados tamén contaminados. Isto precisaría a autorización nas súas fincas de toma de mostras. É imprescindible que se asuma tamén o custe da eliminación do lindano en solo privado para deste xeito animar a poñer en coñecemento das aministracións novos focos. De nada serviría sanear os camiños se dende unha propiedade particular segue a filtrarse veleno aos acuíferos.

Agradecemos a presenza de representantes do BNG do Porriño , que nos achegaron a súa inquedanza tanto sobre a lentitude na xestión da acometida de auga no Contrasto como a tardanza en convocar a comisión de seguemento quizais pola incomodidade da Alcaldesa coas persoas afectadas nunha xuntanza anterior; EU Son Porriño deu cumprida información sobre a mala xestión no traslado das terras contaminadas e a posta en risco da poboación, así como importancia dun protocolo sanitario, tamén que seguen a achegar documentación á denuncia a Fiscalía e que vai reclamar responsabilidades a todas as administracións ; Gañamós tamén expuxo as peticións que van facer ao seu Concello para acadar a descontaminación e protección das persoas.

Insistimos novamente no noso chamamento a todas as forzas políticas, agrupacións culturais e veciñais e todo tipo de colectivos a unirse ao noso traballo. Todas as persoas somos afectadas pero tamén responsables da herdanza, contaminada ou non, que deixemos.