Valoran a decisión do Goberno de reducir o IVE de compresas e tampones ao 4%

Trátase dunha reivindicación histórica da asociación, que defende que a menstruación non debe estar penalizada cun imposto superior ao dos medicamentos.
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de FACUA,Social

Valoran a decisión do Goberno de reducir o IVE de compresas e tampones ao 4%
FACUA-Consumidores en Acción valora positivamente a medida anunciada polo Goberno no marco da súa proposta de Orzamentos Xerais para 2019 de reducir o Imposto de Valor Engadido de compresas, tampones e outros produtos de hixiene feminina ao 4%. Trátase dunha reivindicación histórica da asociación, que defende desde hai anos que non hai ningún motivo polo que a menstruación deba estar penalizada cunha carga impositiva superior á que soportan os medicamentos.
 
Os produtos de hixiene feminina soportaban ata agora un IVE reducido, do 10%, moi por encima do que se impón en países próximos. Así, en Gran Bretaña este imposto é actualmente do 5%, mentres que en Francia é do 5,5%, e en Irlanda, do 0%, por citar algúns exemplos.
 
FACUA lembra que estes produtos son de primeira necesidade para as mulleres, cuxa adquisición resulta ineludible por razóns hixiénicas e sanitarias e que requiren do seu uso constante. As mulleres representan o 52% da poboación e ao longo da súa vida afrontan durante unha media de 35 anos un gasto adicional en produtos de hixiene íntima polo mero feito de ser mulleres. Non se trata de algo opcional, dada a necesidade de menstruar entre doce e trece veces ao ano durante varios días, en ocasións ata unha semana, cada vez.
 
A asociación reclama ao Goberno que, unha vez que entre en vigor a baixada impositiva, vixile que esta termine sendo repercutida nos prezos finais dos produtos, para evitar a que as marcas comercializadoras non impriman unha subida de prezos encuberta mantendo os prezos como estaban a pesar da baixada do imposto.