Esquerda Unida organizou este xoves en Compostela a charla: “Desmontando o amor romántico”, impartida pola senadora de En Marea, Vanessa Angustia, coa que rematan os actos que levou a cabo a organización co tema central do feminismo e que forman parte da campaña “Co feminismo nos talóns: Que non che conten películas!”. O acto foi presentado pola concelleira de Mocidade de Compostela, Noa Morales.
“Desmontando o Amor Romántico” é unha charla na que Angustia indicou que, “sobre todas as formas de amor que existen, o amor romántico susténtase nunha serie de mitos que poden dar lugar a situacións non desexables dentro das relacións afectivas”.
“É imposible entender o amor romántico sen entender o patriarcado, que establece un sistema de dominación sexual. Concretamente, é a partir dos anos 70 cando as feministas teorizan sobre o patriarcado e a cuestión de dominación machista, unha estratexia na que se deixa ás mulleres como as responsables das tarefas do fogar ou dos coidados”, expón a senadora.
“As mulleres vivimos con culpabilidade, xa que é moi difícil ter liberdade cando non podemos decidir sobre os nosos propios corpos, vidas ou sexualidade: a ferramenta que domina o patriarcado”, asume.
“Un problema da parella patriarcal é que acaba por ser unha institución política que está sustentada pola ‘heteronormalidade’, xa que para a sociedade só existe unha opción sexual, algo que non é certo. Limitar as nosas opcións sexuais é unha ferramenta de control masculina e machista, unha forma de ter garantido o acceso sexual ás mulleres e unha imposición pola que construír un proxecto de amor”, sinala.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.