Varios colectivos moteiros distinguen a Vigo como cidade máis amiga e segura para motos

Stopguardarraíles, a Asociación Mutua Motera e o Motoclub Galicia son os colectivos que hoxe recoñecen a Vigo como a cidade máis amiga e segura para as motos. Abel Caballero presidiu o acto de entrega que se celebrou esta tarde na Casa Galega da Cultura.
Por o 14/11/2016 | Sección: Concello de Vigo,Motor,Vigo
Varios colectivos moteiros distinguen a Vigo como cidade máis amiga e segura para motos
Compartir en:

O alcalde recibiu esta tarde de luns un recoñecemento de tres asociacións moteiras que distinguen a Vigo como a cidade máis amiga e segura das motos de toda España. Durante o acto, Caballero enfatizou que Vigo se está a “transformar” para dar facilidades aos vehículos de dúas rodas, facendo especial fincapé na seguridade. Tanto é así que o índice de accidentabilidade descendeu porque “ao haber máis motos circulando, o tráfico é máis respectuoso con elas o que redunda en maior fluidez xa que unha moto nas rúas significa un coche menos circulando”.

Respecto das medidas que adoptou o Concello nos últimos anos en favor dos vehículos de dúas rodas, o rexedor aludiu en primeiro lugar ás bonificacións fiscais do imposto de vehículos de tracción mecánica xa que os de menos de 125cc teñen un desconto do 90% -o máximo permitido por lei-. Na ordenanza fiscal do ano pasado aprobouse unha diminución dun 10% para as motos do resto de cilindradas e o ano 2017 se aplicará outra rebaixa similar polo que nos dous últimos exercicios a fiscalidade das motos viuse reducida nun 20%. Ademais, lembrou que a intención do goberno local é que esta rebaixe sexa do 50% ao remate da actual lexislatura.

Outras das medidas implementadas polo Concello foron: a autorización para circular polo carril bus; habilitar carrís propios; zonas adiantadas en semáforos; ampliación das zonas de aparcamento -con tolerancia nas zonas nas que non se producen molestias-; a xeneralización do pintado de calzadas con material antideslizante, incluíndo as reixas de ventilación de túneles ou aparcamentos ou cambios nos gardarraís, seguindo as recomendacións das asociacións de motos.