Vaticinan o «posible incumprimento» do plan de estabilidade do emprego no Sergas

O sindicato xa rexeitara meses atrás o dito plan, asinado só polos sindicatos corporativos, por ser inferior ao pacto asinado no Estado para reducir a temporalidade e por consideralo «pouco transparente»
Publicado por o día 27/06/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos

Vaticinan o «posible incumprimento» do plan de estabilidade do emprego no Sergas

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia vaticina o «posible incumprimento» do plan de estabilidade do emprego e provisión do persoal estatutario do Sergas 2017-2018, asinado pola Administración sanitaria e os sindicatos corporativos CESM-O’Mega, CSI-F e SATSE. CCOO xa rexeitara meses atrás ese plan por ser inferior ao pacto asinado no Estado para reducir a temporalidade, amais de consideralo «pouco transparente».

Segundo este acordo, no primeiro semestre do ano deberían convocarse 541 prazas, coa seguinte distribución: 168 de celadores/as, 140 de enfermeiros/as, 85 do grupo auxiliar da función administrativa , 83 de médicos/as de familia, 40 de persoal de servizos xerais e as 25 restantes para o grupo de xestión da función administrativa, o grupo técnico da función administrativa, enxeñeiro/a e técnico/a superior en documentación clínica.

O semestre rematará o próximo venres, día 30, e «todo parece indicar que o acordo non se cumprirá», apunta Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade. O sindicalista engade que o Sergas nin sequera convocou a mesa sectorial prevista, nin tampouco se pronunciou sobre a convocatoria destas prazas.

No seu momento, o Sergas «vendeu» o acordo «cun gran despregametno de medios, tanto por parte do conselleiro de Sanidade como pola do presidente da Xunta», lembra Cameselle. Agora, a Administración sanitaria «opta polo silencio», malia que os posibles opositores «xa foron advertidos» desde diferentes foros de que non habería convocatoria.

De se confirmar este incumprimento, Cameselle insta os sindicatos que asinaron o acordo a denunciaren publicamente a situación. O sindicalista tamén lembra que se excluíu a CCOO da comisión de seguimento do acordo porque se negara a asinalo. «Os que nos deixaron fóra non poden agora consentir que o Sergas falte aos compromisos asinados», advirte.

Galicia podería convocar case sete mil prazas

O secretario xeral de CCOO-Sanidade insiste na necesidade de negociar un «verdadeiro plan de estabilidade no emprego», xa que o 22 % das prazas da sanidade galega están cubertas de xeito interino ou en fraude de lei.

Por esta razón, Cameselle reclama que se aplique en Galicia o acordo estatal para a mellora do emprego público, segundo o cal é posible dotar de estabilidade o 90 % do emprego precario no ámbito. Os datos oficiais do Ministerio de Facenda apuntan que sería posible convocar na sanidade galega un total de 6894 prazas, case trece veces máis que as pactadas polo Sergas e os sindicatos corporativos.