Vázquez Almuiña destaca o posicionamento de Galicia como referente en innovación no eido sanitario

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou hoxe que a estratexia e os investimentos no ámbito das TICs supoñen unha vantaxe competitiva de Galicia con respecto a outros sistemas de saúde
Publicado por o día 10/03/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Vázquez Almuiña destaca o posicionamento de Galicia como referente en innovación no eido sanitario

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou hoxe que a estratexia e os investimentos no ámbito das TICs supoñen unha vantaxe competitiva de Galicia con respecto a outros sistemas de saúde, non só a nivel nacional senón incluso internacional, polo que nos últimos anos Galicia se posicionou como un referente en innovación no ámbito sanitario.

Na inauguración da xornada TransformaS, asegurou que desde Galicia estanse liderando proxectos europeos que se unen á iniciativas como a historia clínica electrónica única, a aposta pola telemedicina, o recoñecemento da Comunidade como Rexión Europea de referencia en envellecemento activo, o modelo de innovación aberta do Sergas e a experiencia, pioneira, en Compra Pública Innovadora (CPI), que continúa co novo plan Código 100, cun financiamento previsto de 13 millóns de euros ata 2019.

Vázquez Almuiña lembrou que en 2010 a Consellería de Sanidade fixo unha aposta por incorporar de maneira estratéxica a innovación como panca de cambio do sistema para adaptar o sistema de saúde aos novos retos da sociedade. Naceu así a Plataforma de Innovación Sanitaria como un equipo multidisciplinar de profesionais, co obxectivo de servir de canle de comunicación para facilitar que calquera traballador puidera facer propostas de mellora baseadas no seu propio coñecemento. Sete anos despois, explicou, xurdiron moitos proxectos que en gran medida se articularon en dous plans de innovación (H2050 e InnovaSaúde) e sete nodos de innovación, en cada unha das Estruturas de Xestión Integrada (EOXIs), dos que forman parte  máis de 120 profesionais.

Na súa intervención, o conselleiro salientou o potencial do Sergas para xerar coñecemento e actuar como motor da economía galega, xa que, dixo, unha sociedade avanzada é aquela que aposta polo coñecemento. “Por iso, nos últimos anos traballamos en valorizar o coñecemento xerado polos nosos profesionais, facilitando a súa transferencia á práctica clínica, ao mercado e á sociedade”, declarou.

Tamén en 2010 solicitouse a primeira patente con titularidade Sergas. Neste sentido, Vázquez Almuiña sinalou que as patentes supoñen a protección do coñecemento pero son só un primeiro paso no longo proceso de transferencia: “Fai falla moito máis que patentar para de verdade ter un impacto e producir un retorno para a sociedade, que é o fin último”.

O titular de Sanidade concluíu a súa intervención avogando por contar cos profesionais  desde unha perspectiva integradora, que permita aproveitar ao máximo o potencial como organización, captar e apoiar as numerosas ideas innovadoras que existen entre eles; e por facer o mesmo cos outros axentes que acompañan ao Sergas neste proceso, como empresas, centros e asociacións.

“Somos unha organización de coñecemento, pero fóra do Sergas hai tamén moito coñecemento, moitas ideas, moitas innovacións e novas tecnoloxías, e debemos ser quen de integralas e axustalas ás nosas necesidades da mellor maneira posible, para avanzar non só como sistema de saúde senón como sociedade”, afirmou.

150 participantes no encontro

O encontro TransformaS, organizado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), conta con arredor de 150 participantes que inclúen investigadores, xerentes, inversores e prescriptores do sistema de saúde, procedentes da Consellería, o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Innovación, os institutos e fundacións biomédicas, as universidades, XesGalicia, interlocutores da Administración en procesos de transferencia e outros axentes de relevancia no contorno da innovación na Comunidade Autónoma.

A xornada estrutúrase en tres bloques. O primeiro deles estuda como transformar a cultura da organización cara un modelo de innovación aberta, con paneis sobre o papel do paciente, os centros sanitarios e as oportunidades de desenvolvemento e a xestión das iniciativas innovadoras. Conta, así mesmo, cunha mesa coloquio sobre a cultura innovadora.

O segundo centrarase en como valorizar o coñecemento que se xera nos hospitais, e nel intervirán diversos expertos e investigadores dos tres Institutos de Investigación Sanitaria de Galicia.

O terceiro bloque, que se desenvolverá pola tarde, tratará sobre como incorporar tecnoloxías innovadoras a través da CPI nunha mesa coloquio. Nela participarán representantes das institucións que interveñen en procesos de CPI, profesionais e empresas que participaron en procesos de CPI impulsados polo Sergas; e pacientes e profesionais que se están beneficiando de produtos resultados destes procesos.