Veciñanza e Concello únense para urxir solucións na Estrada Provincial Puxeiros-Mos

Piden poder supervisar o avanzado do Plan Director para a mellora da seguridade viaria neste vial
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Galicia,Mos

Veciñanza e Concello únense para urxir solucións na Estrada Provincial Puxeiros-Mos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os concelleiros das parroquias de Dornelas e Torroso, Sara Cebreiro e Alberto Méndez respectivamente, reuníronse onte pola tarde no Pazo de Mos con representantes das Asociacións das parroquias afectadas pola Estrada Puxeiros Mos: Tameiga, Dornelas, Torroso e Mos, para tratar a imperiosa necesidade de que no presente ano 2020 se dea algún paso para solucionar o problema de seguridade viaria na mesma e iniciar a mellora integral que precisa o vial.

Deputación de Pontevedra comprometérase fai xa 10 meses, en abril de 2019, a iniciar o Plan Director para coordinar o proxecto da humanización da Estrada Puxeiros-Mos. Concretamente o 25 de abril o entón deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, adquiriu o devandito compromiso durante unha reunión no Centro Dotacional de Torroso con representantes das Asociacións das parroquias afectadas polo vial.

Previamente a esta xuntanza a rexedora local mosense xa se reunira en máis de 5 ocasións tanto co propio Benítez como con David Regades, xa que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, coa que solicitara audiencia, delegou en Regades. Polo que non se lle pode achacar a Arévalo que esta estrada non fora unha prioridade (tal e como se desprende da carta remitida ao Concello polo deputado de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís, o pasado 27 de xaneiro) para o seu goberno, todo o contrario. Unha carta de tono totalmente político, sen ningún respecto institucional, na que se alude directamente a gobernos populares e socialistas eludindo responsabilidades e botando balóns fóra. A demostración de que esta estrada sempre foi unha prioridade para Arévalo é que xa no 2009 encargou varios proxectos para a mellora integral da mesma, que foron financiados polo Concello de Mos.

A este respecto Nidia Arévalo declarou que “a solución a esta problemática trátase dunha demanda, dun clamor veciñal, dende fai uns anos; e eu me fixen portavoz do problema porque como alcaldesa é prioritario para min e preocúpame enormemente; e fíxeno con todo o respecto”. E destacou a gran unión neste senso entre veciños e Concello, corroborada durante a xuntanza de onte polos propios representantes da veciñanza das catro anteditas parroquias.

Os representantes veciñais apuntaron que “a necesidade desta mellora duns anos a esta parte é porque as circunstancias deste vial cambiaron coa gran afluencia da Escola Municipal de Música e Conservatorio de Torroso, o nacemento e crecemento do polígono da Veigadaña e o aumento do número de peregrinos que fan o Camiño Portugués; realidades que anteriormente non se daban”. Tamén destacaron que “a banda asfáltica de rodadura actual destroza as rodas dos coches, que a estrada está afundida en moitos puntos por mor do tránsito de camións, que as cunetas están sempre cheas de maleza e atascadas, e que a liña do arcén está pintada por riba da herba” por iso urxiron a “que se lle dea unha solución canto antes ao problema de seguridade viaria nesta estrada, coincidindo en que o punto máis negro e o primeiro que hai que mellorar é o tramo ao seu paso pola parroquia de Dornelas, onde hai peor visibilidade e máis curvas”.

Finalmente concluíuse na reunión de onte que o paso a dar a continuación é o de reclamar á Deputación a parte do Plan Director que xa teñan redactada para poder supervisala e solicitar o firme compromiso da administración provincial de que na presente lexislatura quedará acometida unha parte da mellora da Estrada Puxeiros-Mos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.