A compañía galega de distribución alimentaria VegalsaEroski e a Fundación Meniños uníronse para poñer en marcha o lanzamento do álbum de cromos solidario “Viaxe ao Reino dás Emocións” que se poderá adquirir nos supermercados Eroski Center da empresa na zona de Vigo así como nas localidades de Baiona, Pontevedra, Mos, Ponteareas e Porriño.
A campaña permanecerá activa desde este mes de setembro ata mediados de decembro, podendo adquirirse cada sobre de cromos a un custo de 0,70 euros e de 2 euros, o álbum. Vegalsa-Eroski doará todos os fondos que se recaden da súa venda á Fundación Meniños, sumando ademais unha achega adicional sobre o total, que se destinarán a programas psicoeducativos dirixidos a familias vulnerables así como ao proceso de procura de familias acolledoras ou adoptantes. Trátase dun álbum didáctico ademais de lúdico e a través do que se pretende sensibilizar ás familias sobre a importancia da educación emocional no desenvolvemento dos nenos e nenas.
A presentación oficial desta iniciativa solidaria tivo lugar esta mañá nas instalacións que a Fundación Meniños ten en Vigo, coa participación da directora xeral da Fundación, Mónica Permuy, e a directora de Responsabilidade Social, Relacións Institucionais e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.
Compromiso social
Comprometida cun modelo de desenvolvemento social responsable, o pasado exercicio a compañía destinou 2.400.000 euros á súa política de RSE, o que supón un incremento do 40% respecto ao ano 2017. A esta achega económica contribuíu tamén a colaboración dos seus clientes, grazas aos cales a empresa doou en 2018, 846.124 euros, un 3,6% máis que o ano anterior.
Fundación Meniños
Entidade de acción sen ánimo de lucro especializada na protección da infancia e a adolescencia, cun traballo orientado a garantir o dereito que ten nenos, nenas e adolescentes a vivir en familia. Desde 1996 desenvolve programas de prevención e atención familiar en Galicia e Asturias, en colaboración coas administracións públicas e outras entidades.
Noticias de última hora en Vigo