Vegalsa-Eroski investiu un 7% máis na adquisición de conservas galegas en 2018 superando os 18,8 millóns de euros

En colaboración con ANFACO-CECOPESCA, a compañía lanza unha campaña comercial para incrementar a visibilidade dos enlatados autóctonos nos establecementos da súa rede comercial
Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Alimentación,Empresas

Vegalsa-Eroski investiu un 7% máis na adquisición de conservas galegas en 2018 superando os 18,8 millóns de euros
A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski destinou o pasado exercicio máis de 18,8 millóns de euros, un 7% máis que no ano 2017, á adquisición de conservas galegas e dispón de 300 referencias nos seus lineais compradas a un total de 22 provedores, incluíndo a súa marca propia. Estas cifras poñen de manifesto que esta é unha das categorías máis representativas para a empresa no que a compras a provedores locais refírese e deixa constancia da súa aposta polos alimentos km0. Unha aposta que a compañía continuará reforzando este ano tamén na súa rede comercial activando campañas como a presentada hoxe, en colaboración con ANFACO-CECOPESCA, no seu establecemento Eroski Center de García Barbón, en Vigo, “ do mar ao prato”.
A través desta campaña Vegalsa-Eroski busca achegar aos seus clientes o valor dos produtos do sector conserveiro galego a través do lanzamento dunha oferta e folleto comercial, incrementando a visibilidade dos enlatados autóctonos nos establecementos da súa rede comercial a través das súas insignias Eroski/Center, Híper Eroski, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski City e Aliprox en Galicia, Asturias e Castela e León.
O acto de presentación contou co respaldo institucional tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Vigo, a través da xefa territorial da Consellería do Mar en Vigo, Sonia Lorenzo, e a concelleira de Transporte do Concello de Vigo, Ángeles Marra; acompañados polo director de compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa, e pola directora de Relacións institucionais e Comunicación, Gabriela González, e polo secretario xeral de ANFACOCECOPESCA, Juan Vieites. Tamén participaron representantes dalgúns dos principais provedores do sector conserveiro galego como Friscos, Calvo, Palacio de Oriente, Frinsa do Noroeste, Pescamar, Conserveira de Rianxo, Valcárcel e Orbe, ademais de organizacións de consumidores como o colectivo de amas de casa de Vigo.
A presentación concluíu cunha degustación de receitas elaboradas con conserva de peixe e marisco polo chef Juan Carlos Perret do Restaurante Kero. Esta demostración de cociña en vivo organizada por ANFACO-CECOPESCA e Vegalsa-Eroski, coa colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, puxo de manifesto a versatilidade das conservas
na cociña.

Produtos de proximidade

“Con este acto poñemos de manifesto o compromiso e colaboración entre fabricantes, distribuidores e institucións por un obxectivo común: satisfacer a un cliente que valora e demanda a produción local de Galicia, onde galego é sinónimo de calidade e saúde e, especialmente, na categoría de conservas”, afirmou o director de compras, Jorge Eiroa, durante a súa intervención no acto de presentación.
Desde a compañía lémbrase que este investimento en conservas permite trasladar aos clientes un produto de proximidade saudable e nutritivo en liña coa aposta da empresa pola alimentación saudable e de proximidade.
Esta aposta tradúcese en que o 40% dos produtos dos seus lineais son locais, froito dunha relación de confianza sostida no tempo cos seus provedores. Na actualidade, a compañía mantén relacións comerciais cun total de 935 provedores de proximidade e investiu durante 2018 máis de 349 millóns de euros en compras a produtores locais. Así mesmo, cabe destacar o impacto da actividade comercial de Vegalsa-Eroski coas empresas e institucións da industria alimentaria, o que supón un incentivo á xeración de emprego indirecto, en concreto máis de 6.000 postos de traballo, dinamizando un sector económico clave en Galicia como o primario.